Xerais presenta unha colección de obras básicas da ciencia

A editora viguesa presentou esta mañá -terza feira- os tres primeiros títulos desta colección de divulgación científica, unha débeda histórica na oferta editorial en galego. 

xerais-ciencia
photo_camera Presentación da colección esta mañá na libraría Couceiro de Compostela

Edicións Xerais presentou 'Colección Básicos Ciencia', dirixida polo tamén escritor Miguel Vázquez Freire, na que "terán cabida todos aqueles textos de divulgación científica en lingua galega dirixidos a lectores e lectoras curiosos". E comezan con tres títulos: 'Historia do ADN', 'O universo matemático' e 'Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo'.

'Historia do ADN. 40 anos de revolución biotecnolóxica', de Daniel Soutullo, trata sobre os principais acontecementos na historia do ADN, desde o seu descubrimento, no século XIX, até as investigacións máis recentes, nos albores do XXI. Tamén aborda a revolución biotecnolóxica desencadeada polo coñecemento da súa estrutura e pola capacidade de manipulalo case a vontade a partir dos anos setenta do século XX.

Segundo Xerais, nesta colección "terán cabida todos aqueles textos de divulgación científica en lingua galega dirixidos a lectores e lectoras curiosos"

'O universo matemático. Das ideas e das técnicas', de Antom Labranha, desenvolve un amplo abano de contidos matemáticos seleccionados a partir daqueles que conforman os currículos do bacharelato, intentando poñer de manifesto cales son os seus fundamentos, o porqué da súa pertinencia, que rol desempeñan na ciencia e na cultura, que procesos conduciron á súa creación e como evolucionaron.

'Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo', de Xurxo Mariño, é un libro de viaxes convertido nunha aventura de divulgación científica, o relato dun periplo de once meses arredor do planeta Terra no que se mesturan as anécdotas que van xurdindo ao longo das distintas etapas coas descricións da ciencia que hai detrás dos espectáculos que a natureza lles vai amosando aos viaxeiros: illas volcánicas en plena formación, desertos aos que non se lles albisca a fin, termiteiros xigantes, glaciares de cor azul que roxen coma monstros, raposos voadores e quilómetros, moitos quilómetros de percorrido polo mar, o aire e os revirados camiños dun planeta observado cos ollos atentos e cheos de curiosidade de Xurxo Mariño.