Xerais convoca os seus premios de Novela, Merlín e Jules Verne

Volven os galardóns máis consolidados do sistema literario galego. Edicións Xerais vén de convocar os seus Premios 2016 nas modalidades de novela, literatura infantil e literatura xuvenil.

xerais

O Premio Xerais de novela chega a súa trixésimo terceira edición, o Merlín de literatura infantil acada á trixésimo primeira e o Jules Verne de literatura xuvenil, que conta coa colaboración de Ámbito Cultural-El Corte Inglés, á oitava. Todos os tres premios están dotados con 10.000 euros.

O prazo de admisión dos orixinais das tres modalidades será o 31 de marzo de 2016, mentres que o xurado, cuxa composición se dará a coñecer no mes de maio, emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 4  xuño de 2016. 

Os premios máis importantes do ano literario galego recoñeceron ao longo de máis de 30 anos a autores como Carlos Reigosa, o primeiro gañador; ou Darío Xohán Cabana, que o conseguiu dúas veces; Anxo Angueira, Marilar Aleixandre, Santiago Jaureguizar, Teresa Moure ou María Reimóndez. O último gañador foi Héctor Cajaraville, con 'De remate'. 

Do mesmo xeito, o Merlín premiou a Úrsula Heinze, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xosé Neira Cruz (tamén en dúas ocasións), Marcos Calveiro ou Ledicia Costas. 

O Premio Jules Verne de literatura xuvenil instaurouse desde 2006, deixando o Merlín para infantil. Até 2011 coñeceuse como Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, pero por mor do  afundimento das caixas non se convocou nos anos 2012 e 2013, refundándose co actual nome en 2014. A última escritora en acadalo foi Andrea Maceiras.

Comentarios