A Xeración Nós-outr@s ou a escrita con -as

“A Xeración Nós-outr@s” é o título da IV Xornada de Literatura e Ensino organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa AELG que se desenvolverá o vindeiro 18 de outubro na Cidade da Cultura. O obxectivo, unha mirada en feminino sobre a nosa literatura. 

Rosa Aneiros (AELG)
photo_camera Rosa Aneiros (AELG)

 

“É posíbel construír outra historia da literatura galega?” é unha das preguntas ás que pretende responder o curso “A Xeración Nós-outr@s”,  que ao longo do día 18 de outubro acollerá o Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura.  “A Xeración Nós-outr@s” é o título da IV Xornadas de Literatura e Ensino organizadas en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega que ten, entre outros obxectivos, a visibilización da creación literaria feita por mulleres.  

“Valorar a literatura galega, a través das diferentes voces das mulleres, construtoras de pensamento e expresión literaria, como unha ferramenta clave para a adquisición das competencias básicas”, é outro dos fins que busca o curso que achegará tamén, por medio do obradoiro, á experiencia literaria en primeira persoa. 

A xornada comezará ás 9.30 horas coa conferencia de María Xesús Nogueira titulada “É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?” á que seguirá a primeira mesa redonda do curso que abordará os imaxinarios narrativos para o século XXI da man das escritoras Rosa Aneiros, Berta Dávila e Inma López Silva. A seguir, María Canosa, Ledicia Costas e Estíbaliz Espinosa serán as protagonistas de dous obradoiros literarios, un á mañá e outro á tarde, antes de que outra mesa redonda convoque a Rebeca Baceiredo, Montse Dopico e María Reimóndez co tema “O pensamento escríbese con –As (o ensaio no século XXI). A lectura das conclusións porá fin á xornada. Máis información e matrícula no seguinte enlace. 

Comentarios