'Xelarias' de Emma Pedreira e Laura Romero busca unha conversa imaxinada coa poeta

Xela Arias desde a intimidade da palabra

A escritora Emma Pedreira e a ilustradora Laura Romero propoñen unha nova forma de achegarse a Xela Arias con Xelarias. Palabra á intemperie (Baía), un volume que se aproxima á vida e á obra da poeta conversando cos seus escritos, dialogando coas pegadas que os versos foron deixando como pistas dun itinerario vital.
Unha das ilustracións de Laura Romero para 'Xelarias'.
photo_camera Unha das ilustracións de Laura Romero para 'Xelarias'.

"O amor é morte antiga", dicía Xela Arias. "E parecía que levabas contigo toda a tristeza do mundo", prosegue Emma Pedreira.

Xelarias está ateigado de "conversas" así. Xoga á transgresión, a reconstruír unha vida xa de seu transgresora a partir das pistas deixadas nos poemas de Xela Arias. Mais, sobre todo, é un orixinalísmo diálogo entre dúas poetas que non chegaron a atoparse en vida e que, daquela, aproxímanse a través da escrita. 

"Ela marchaba cando eu chegaba á poesía", recoñece Pedreira. "Nunca coincidimos e, aínda que creo que si houbo algunha oportunidade, eu era tan tímida que a desaproveitei. Mais vinte anos despois, grazas a este libro, puidemos encontrarnos a través da escrita. O interesante dunha poeta son as palabras que deixa escritas e esta conversa atravesa todo o que me tería gustado falar con ela a partir das súas palabras, da obra poética e tamén de entrevistas, de autopoéticas… Non só hai versos neste libro, tamén hai moita Xela oral, moita desa palabra en liberdade da que ela gostaba".

Reconstruír a vida dunha poeta a través dos seus escritos é, cando menos, atrevido, mais Pedreira aceptou o desafío: "Gústanme os riscos. Suponse que no ano en que se lle dedica o Día das Letras a unha autora van saír moreas de publicacións e biografías que van contar a vida e a obra dunha forma seria, académica e coidada. E eu estaba buscando outra forma de achegarme. Procurei que o libro, ademais de ser unha peza de coñecemento e entretemento, fose un obxecto artístico. Por esa vía buscamos o que ninguén ía facer, sen invadir o espazo de persoas que si a coñeceron ou que estudaron a súa obra dun modo sistemático e que van falar con máis rigor científico que nós".

En Xelarias está moi presente unha estética da colaxe que evoca os fanzines da época e que se transmite tamén a un texto construído a base de retallos, de citas e respostas, de fragmentos que compoñen un cadro poliédrico, talvez en consonancia coa escrita da propia Arias. "Xela o que facía era colaxe: deconstruía a palabra e a sintaxe e, a maior escala, o discurso. Ela rompía as formas do equilibrio para crear unha nova composición", subliña Pedreira, "e nós apostamos por seguir esa liña a todos os niveis. Xogamos cos textos, coas imaxes e até convidamos o público lector a que faga o mesmo: hai unha páxina na que se poden recortar fragmentos para logo colar na seguinte. Nese sentido, quixemos ser activas na lectura e seguir o seu método de escrita". 

Esa estética alternativa foi unha constante vital na biografía e na obra de Xela Arias, unha proximidade ao underground que podería perderse se tratamos cun exceso de academicismo a súa figura: "Eu agardo que non", di Pedreira, "porque a súa imaxe é moi recoñecíbel: chupa de coiro, pelo revolto, mirada desafiante… E, ao mesmo tempo, a súa obra reflectía ese sentir. Creo que é mellor que Xela non entre nas institucións, que sexan as institucións as que saian á rúa para atopala. O seu caso é moi próximo ao de Lois Pereiro, que segue sendo un referente moi potente. Eles estaban dentro do sistema literario, mais nas marxes, porque desde alí existe unha perspectiva diferente. Creo que a recepción que está habendo é consciente da importancia desa estética e desa actitude vital. Paréceme básico que todo iso se nomee, que non se converta a Xela Arias en algo que non era".

Unha poeta por diante do seu tempo

Xelarias segue o percorrido vital da poeta facendo paradas nos momentos máis significativos da súa biografía. A maternidade, Darío a diario, é un deses momentos, que Pedreira recoñece como sinal dunha escrita que foi por diante do seu tempo. "A primeira vez que lin ese libro eu tiña vinte anos e nin pensaba en ser nai; mais visto desde agora que teño dúas fillas, agradezo moitísimo esa escrita desde unha maternidade case animalizada, de coidados, de afectos, de observación pouco invasiva… Iso que se está reivindicando agora no literario ela xa o facía hai trinta anos. É un discurso moi moderno e que rompe coa idea tradicional da maternidade. Un exemplo máis do moi por diante que estaba da súa época". 

Esa natureza pioneira estendeuse a case todos os libros publicados por Xela Arias, ás veces até o punto de non ser comprendida pola súa propia xeración. Cando Emma Pedreira se refire a Tigres coma cabalos en Xelarias, comeza coa pregunta: "Pódese malinterpretar o meu corpo?". "Foi o que ocorreu e ela quedou moi soa despois da publicación dese libro. Sentiu que se xulgaba o seu corpo, as fotografías, pero que os textos non eran lidos. Considerouse un libro erótico cando non o é: é un libro de amor e de amores, de relacións abertas, de autonomía. Non hai esa fricción constante que ten un libro erótico. Foi un libro moi malinterpretado".

Un libro obxecto para Xela

Xelarias é case un libro obxecto no que as imaxes de Laura Romero serven de contrapunto, máis que de ilustración, nunha visión inclusiva da poeta. "O traballo de Laura Romero, nese sentido, foi fundamental e creo que transforma o volume nun artefacto de gran beleza plástica", di Emma Pedreira.


 

Comentarios