Premio 2020 do Ministerio de Cultura á obra dun tradutor

Xavier Senín: "A tradución dos Astérix foi difícil, supuxo un reto"

O pasado mes de outubro o filólogo Xavier Senín foi nomeado académico correspondente pola Real Academia Galega. O Ministerio de Cultura vén de recoñecer o seu labor como tradutor outorgándolle o Premio Nacional. Conversamos con el sobre literatura e arredor da relación entre a tradución e a conciencia da lingua.
Xavier nas Canteiras. Antas de Ulla
photo_camera O tamén académico da RAG, Xavier Senín. (Foto: Nós Diario)

En primeiro lugar, parabéns por este Premio Nacional á obra dun tradutor. Que significado ten para vostede?

É unha honra, síntome moi ben pagado por todo o que fixen e espero que sirva de algo para o país, para remover conciencias, e se pode servir para que o país progrese e cambie, e para que a nosa lingua sexa máis protexida e máis utilizada, moito mellor.

Posúe unha longa bibliografía de obra traducida, de modo individual ou colectivo. Foi o afán por "remover conciencias" o que  o levou a realizar esta tarefa?

Hoxe en día, desde logo. Agora ben, empecei a traducir un pouco por casualidade e por necesidade. Era un momento no que había poucas traducións, empezabamos a saír as primeiras promocións que estudaban galego na universidade e había que arrimar un pouco o ombreiro. Pódese dicir que tiña en conta a necesidade de remover conciencias pero igual un pouco en segundo plano, iso veu despois, fun tomando conciencia pouco a pouco ao ir falando e traballando con outra xente, con profesores, con colegas.

Ten traducidos clásicos do francés e do inglés e tamén moita obra catalá. Responde a unha selección persoal?

Algúns dos libros que traducín foron escollas persoais, pero teño que dicir que eses foron os menos. Colaborei, naquel primeiro momento, con Galaxia ou con Argos Vergara, e a escolla facíaa a editora. Pero nos dous casos preguntaban quen podía escribir un libro para unha determinada colección e aí xa tiven a opción de dar a miña opinión sobre xente que podía interpretar, e tamén sobre obras que podiamos traducir.

Que obras salientaría, ben polo gusto que supuxo a súa tradución ou ben pola dificultade que tivo facelo?

Teño que destacar o Quixote, que foi un proxecto colectivo coordinado por Valentín Arias, que fixo un traballo inxente e que Galiza nunca llo chegou a agradecer; aínda que levou un Premio Nacional de Tradución xunto con Raquel Villanueva. E teño moi bo recordo desa tradución, polo traballo que nos levou e porque foi un reto moi, moi importante.

Tamén a tradución do libro de María Víctoria Moreno, Alcores de Donalvar, ademais pola emoción de que ela xa morrera. E logo, os Astérix, porque son moi difíciles e supón un reto para nós. Empezamos Valentín Arias, Isabel Soto e mais eu e agora está con nós Alexandre Tobar. Eses libros foron unha proposta marabillosa, que partiu dunha iniciativa parlamentaria do BNG. O último que saíu, O menhir de ouro, vertémolo para o galego e mais para o castelán.

E agora o que máis recordo é A peste, de Camus, que interpretamos Isabel e mais eu haberá tres ou catro anos. Daquela non pensabamos que a situación de Orán fose posíbel,  toda a cidade confinada durante meses... Tamén supuxo un reto moi importante e, hoxe en día, vémolo doutra maneira. 

En que proxectos está a traballar agora mesmo?

Estou con varias cousas. Unha tradución para Hugin e Munin e outra para Xerais. Neste caso un Astérix, que será Astérix nas Olimpíadas ou Astérix nos Xogos Olímpicos, que é unha obra que xa saíu pero que a editorial quere sacar o ano que vén nunha nova versión, a ver se Xapón pode celebrar os xogos no ano 2021.

E tamén fago cousas para min, que eu mesmo edito, a nivel familiar, fago traducións para festexar o casamento dos meus fillos, o aniversario da miña muller... Pero ten nome e todo a editorial, Novelúa, que é como se chama a aldea de Monterroso da que é a miña muller. 

"Nos 80 necesitábase moita obra infantil"

A Literatura Infantil e Xuvenil é outra das áreas de traballo de Xavier Senín, que lembra, "necesitábase, realmente, moita obra infantil porque non había nada ou había moi pouco, e logo tamén tiven a honra de traballar noutros campos a prol da Literatura Infantil e Xuvenil". Ao valorar a situación actual, non só da tradución senón da creación literaria xuvenil, Senín comenta, "antes podías ler todos os libros que saían no ano, nos 80, agora é imposíbel pero non só hai que falar de número, senón de calidade".

E recalca que "basta ver que con moitos dos nosos autores e autoras que publican en castelán, inmediatamente sacan a tradución ao galego e, ás veces, até ao mesmo tempo, e isto demostra que hai moita calidade". "Cambiou moitísimo a situación para ben e as nosas crianzas, e a mocidade, teñen o que merecen, realmente", conclúe Xavier Senín. 

Comentarios