Xavier Senín, novo membro correspondente da Real Academia Galega

Segundo a RAG, Senín é unha unha destacada figura da tradución, tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas.
Xavier Senín (RAG / Europa Press).
photo_camera Xavier Senín (RAG / Europa Press).

O pleno da Real Academia Galega nomeou este sábado a Xavier Senín como novo membro correspondente da institución.

O filólogo, nacido en Pontecesures, encarna unha das figuras máis destacadas do panorama da tradución ao galego con máis de 150 volumes publicados en numerosas editoriais, desde obras de gran popularidade como Astérix até clásicos como O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha.

Senín exerceu un apoio decidido ao sector do libro como subdirector xeral do Libro e Promoción Cultural da Xunta da Galiza entre 1987 e 2006.

Tradución

Como tradutor, Xavier Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas. Ademais, segundo destaca a RAG, Senín foi impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego como ferramenta de normalización lingüística; e redactor responsable da edición galega d'O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001.

Moitos dos títulos que levou á lingua galega están dirixidos ao público máis novo, sempre no centro da súa atención, un interese que o levou tamén a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001).

Xavier Senín verteu ao galego a primeira e única novela en castelán da súa amiga María Victoria Moreno, Alcores de Donalvar (1969), publicada baixo o título Onde o aire non era brisa (2009). Co gallo do Día das Letras Galegas que a Academia lle dedicou á autora, o académico correspondente escribiu a canda Isabel Soto María Victoria Moreno. Sementadora de futuro.

Docencia

Xavier Senín comezou como docente de secundaria en 1976 e foi catedrático de instituto da materia de Francés dende 1981, aínda que sempre lle prestou atención ao galego tamén dende a didáctica. Foi docente dos primeiros cursos de lingua e cultura galegas tras a recuperación da democracia, coordinador dos libros de texto de lingua galega de EXB de Ediciones SM e autor de Lingua Galega 1º de BUP e Galego 2º de BUP de Edicións Xerais de Galicia.

Comentarios