martes 14.07.2020

Xavier Queipo: “ A literatura galega vése como anomalía no mundo literatario lusófono e castelán”

Escritor cunha obra moi relevante, Xavier Queipo é asemade tradutor de Amin Maalouf e Hervé Guivert, Conrad ou Joyce. Queipo é tamén autor do novo capítulo de O crânio de Castelao, a novela colectiva da lusofonía que o semanario Sermos Galiza está a publicar por entregas. 

Xavier Queipo (foto Cé Tomé)
Xavier Queipo (foto Cé Tomé)

Desde Ártico e outros mares até Extramunde, pola traxectoria de Xavier Queipo, que traballa en Bruxelas como funcionario da UE, agroman títulos esenciais para a nosa literatura contemporánea como Ringside, O Paso do Noroeste, Diarios dun nómada, Manual de Instruccións, Malaria Sentimental  ou O ladrón de esperma.

Como lembra a súa participación no proxecto literario O Crânio de Castelao?

Foi no Latim en pó, congreso de escritores lusófonos organizado en Compostela. Recibín un convite do profesor Carlos Quiroga, a quen estou moi agradecido pois permitiu que eu partillara os meus textos con outros escritores do meu contorno lingüístico natural, que é o galego-portugués, cos seus diferentes matices. 

Logo a vida foi dando voltas (moitas) e despois de vinte e tantos anos fóra do país o meu contorno lingüístico medrou e tamén é o trilinguismo que domina a vida diaria de Bruxelas. Alí tiven despois oportunidade de construír textos con outros autores doutros sistemas literarios como foi o caso en 2007 con dous escritores francófonos, dous escritores neerlandófonos e un vídeo artista, cando escribimos un texto sobre o río de Bruxelas ( De Zenne/La Senne), mais esta era a primeira ocasión e foi unha experiencia moi interesante.

A experiencia dunha novela colectiva, na que a trama vén dada, que supón para un escritor?

Ese foi un dos puntos que espertaron o meu interese. O escritor adoita traballar só e facelo con outros escritores é un reto para o individualismo (en certo senso para o ego que todos temos en cantidades masivas). 

No que se refire a que a trama ben dada, é certo mais isto tamén é un reto, pois un pode darlle unha reviravolta e cando pasa o relevo ao seguinte o texto xa leva impregnado algo propio. Esa transición é realmente interesante, axuda a afiar o enxeño. É como un xogo, un divertimento que require unha adaptación a outros modos e maneiras e no que un pode, á súa vez, facer unha achega á trama que de certo modo aínda está aberta. Os que mellor o teñen son os que inician a historia, pois aínda está moi aberta, mais a dificultade aumenta de xeito exponencial co avance do texto. A min tocoume na orde mais ou menos polo medio e podo dicir que quedei satisfeito coa volta que lle din. 

"O afastamento ten a ver co medo das capitais imperiais (Madrid e Lisboa) a que unha proximidade maior fora en detrimento do seu centralismo".

Como valora ese proxecto colaborativo de escritores da lusofonía?

O feito de que os outros escritores que participan no proxecto sexan lusófonos axuda a que haxa unha sinerxía lingüística e isto é moi importante, mais tamén participei en proxectos con escritores de mais de vinte linguas diferentes (The European Constitution in verse) e o reto foi igualmente interesante. Trátase de dar e recibir, de partillar e sentirse membro dun colectivo que está a crear algo en conxunto sen esquecer a súa individualidade (linguística e creativa) mais aportando para un proxecto único. 

Malia a proximidade pola lingua, están os mundos literarios afastados? 

Están, por razóns que máis teñen que ver co medo (ou sexa coa real politik) que con outra cousa. Co medo das capitais imperiais (Madrid e Lisboa) a que unha proximidade maior fora en detrimento do seu centralismo. Imaxine que, de súpeto os miñotos preferisen achegarse aos galegos ca os algarvíos, que se estabelecesen correntes de opinión e se cuestionase o deseño dos seus estados.

Existen poucos puntos de encontro para as literaturas portuguesa, brasileira, africana ou galega, non é?
 
Existen algúns mais tamén existe unha asimetría no tratamento. Para os portugueses, de quitado algunhas excepcións no norte do país, todo ben se pagamos nós, mais se a festa é deles entón hai que falar en portugués ou en español, pois o galego non o entenden nin teñen intención de entendelo. Nese aspecto compórtanse, case todos eles, de xeito moi primitivo e pouco flexíbel. As experiencias cos brasileiros son máis de respecto, se cadra porque non nos ven con tanto desprezo, senón simplemente como tipos estraños, un pouco loucos.

"Lembro cando o odiado/amado Premio nóbel da Literatura Portuguesa, un tal Saramago, me espetou que eu era un iluso por escribir en galego, que o que un escritor tiña que procurar era lectores e, porén, tiña que escribir en castelán, que era a lingua do meu estado".

A literatura galega é grande descoñecida para o mundo editorial e literario lusófono? 

Non acontece exclusivamente co mundo literario lusófono, senón tamén co castelán, por poñer un exemplo tamén próximo. Vénnos como unha anomalía, como unha rareza propia de toleiráns ou de ilusos. Lembro cando o odiado/amado Premio nóbel da Literatura Portuguesa, un tal Saramago, me espetou que eu era un iluso por escribir en galego, que o que un escritor tiña que procurar era lectores e porén tiña que escribir en castelán, que era a lingua do meu estado. Somos un sistema literario que sendo pequeno en produción e sobre todo en lectores ten unha puxanza e unha diversidade enorme o que “descoloca” un chisco aos editores foráneos. Mais supoño que acontecerá o mesmo con sistemas literarios de linguas menos expandidas como o armenio, o azarí ou o islandés, coa agravante que nós non temos estado e, porén, non temos nin institucións que nos apoien nin un  pobo –e isto é fundamental- que se sinta identificado cun sistema literario propio (as vendas certifican todo o contrario). 
 
Que vantaxes podería ter como escritor poder entrar nese mundo da lusofonía?

É unha cuestión de números, supoño, de lectores potenciais. Seguindo a tese de Saramago habería que escribir en castelán ou, no peor dos casos, en portugués, as dúas linguas máis próximas, unha, o castelán, porque é na que a xente da miña xeración foi instruída dende a educación primaria até a universitaria e, porén, ten un certo dominio, ou ben en portugués, para aqueles que se sintan cómodos por razón de proximidade lingüística. Mais se imos aos números de lectores potencias se cadra deberiamos escribir en inglés, en chinés ou en bengalí. Non me sinto ben tendo que mudar de lingua. Non me sinto ben tendo que renunciar ao galego pois escollino como lingua de uso de xeito consciente e forma parte da miña vida e da miña maneira de ser e de estar no mundo. 

Como valora que certos escritores, xa con traxectoria como Vítor Vaqueiro, Teresa Moure ou Séchu Sende, decidisen pasarse ao reintegracionismo?
 
Estou certo que eles tomaron esa decisión logo dunha fonda reflexión e, por tanto, non poden ter senón o meu respecto. Eu, logo tamén de fonda reflexión, cheguei a unha conclusión distinta. Coido que o galego é unha lingua tan semellante ao portugués como o sueco éo do danés, e a ningún escritor sueco se lle ocorre escribir en danés nin viceversa. Pódeno ler, falar e mesmo poden autotraducirse, mais a ninguén (supoño que haberá excepcións) se lle ocorre mudar de sistema literario. Se cadra é porque teñen un estado propio...

comentarios