Os xardíns de Mondariz Balneario sálvanse da desfeita grazas á presión veciñal

Os xardíns de Mondariz Balneario sálvanse da desfeita e xa non serán recualificados con fins residenciais. O concello presenta unha modificación ao proxecto de ordenación no que só contempla o Museo da Auga. 

mondariz


A presión veciñal consegue salvar os xardíns de Mondariz Balneario e obriga ao alcalde do municipio a rectificar o proxecto de ordenación que permitía o uso dos terreos con fins residenciais. Canalizadas pola Plataforma cidadá SOS Xardíns de Mondariz Balneario as mobilizacións conseguiron os seus obxectivos que era conservar os espazos axardinados fronte á especulación inmobiliaria. 

A Plataforma cidadá SOS Xardíns de Mondaríz Balneario parabeniza agora a toda a veciñanza unha vez se fixo pública a presentación por parte do goberno municipal do novo proxecto de modificación puntual do planeamento perante a Consellaría de Medio Ambiente que contempla unicamente a construción no futuro do Museo da Auga nas ruínas da antiga lavandería. 

Informes para a conservación

Lembran que o proxecto anterior, ademais das críticas da propia Plataforma, fora motivo tamén dun informe desfavorábel da propia Xunta que cuestionaba a necesidade da construción de vivendas no concello e non explicaba a recualificación dunha zona verde protexida para mudala por fins residenciais. A Plataforma conseguira, pola contra, informes favorábeis á conservacións dos xardíns das tres universidades galegas, do Colexio de Arquitectos e do Consello da Cultura Galega. 

Segundo a Plataforma cidadá SOS Xardíns de Mondariz Balneario, o Concello dá agora o único paso entendíbel se o fin é o ben común, apostar  “por recuperar un xardín histórico e por conseguir a titularidade pública dun espazo histórico privilexiado que atesoura un valiosísimo patrimonio natural e cultural.

Comentarios