'Xaora', de Sabela D. Núñez

Reproducimos a seguir Xaora’, segundo premio do Certame de Microrrelatos de ‘Nós Diario’
sabelanunhez
photo_camera Sabela Núñez
Xaora

Sentado co avó á sombra da pereira, enredabamos debullando chícharos. Ao pouco, chegou o tío Xan que viña da feira traendo consigo unha cabuxiña negra cos pés brancos como a neve. Chamámola Carpíns e axiña deu en mamar cabo dos años da ovella Nora. Semellaba un cordeiro máis, a non ser polas dúas campaíñas que lle penduraban do queixo. Tiña, así mesmo, un bear cantareiro igualiño ao das ovellas. O avó sempre di que Carpíns é un animaliño especial. Xaora que o é.

Eu cría que o tío Xan era irmán do avó. Un día, contando contos a carón da lareira, descubrín que malia facerse chamar tío e compartir alcoba co avó, o seu benquerer non é propio de irmáns. O avó sempre di que Xan é un home especial. Xaora que o é.

O meu mellor amigo é o Roi, vive na Casa de Acollida que hai ao pé da nosa. Divertímonos xogando ao balón no mesmo prado, chao e mol, no que a cotío pacen as ovellas. Roi quere volver coas súas nais, pero ten que agardar a que o decida un xuíz. Mentres e non, é feliz aquí. O avó sempre di que Roi é un neno especial. Xaora que o é.

Roi, o tío Xan, Carpíns, o avó e mais eu compartimos bos momentos á sombra da pereira. O avó conta que cando el era novo, esa árbore era unha maciñeira. O seu pai enxertouna cun gallo de pereira e agora dá unha peras tan saborosas como as mazás que el comía de neno. O avó sempre di que esa pereira é unha árbore especial. Xaora que o é.

Alí mesmo, ao seu abeiro, este serán díxome o avó que mañá non irei á escola. Cómprenos ir cabo da pediatra para completar o meu cadro de vacinas coa do papiloma, pois disque prevén doenzas do útero... O avó bicoume e bisboume ao oído dicindo, coma sempre, que son un neno especial. Xaora que o son. Cuspidiño a el. 

Comentarios