Xangai Km.0: conexión A Coruña-Nou Barris

Hoxe bota a andar na sala Mardi Gras o proxecto Xangai, un paquete de actividades que quere volver xuntar o Atlántico co Mediterráneo e seguir afortalando o intercambio cultural entre Galiza e Cataluña. 

O_Jarbanzo_Negro_2001
photo_camera A desaparecida banda O Jarbanzo Negro en 2001 [Foto: Mundimapa.com]

Xangai (realmente Shanghai) era o tren que conectaba A Coruña e Vigo con Barcelona, que se xubilou hai só sete anos. Alá polos 50 o traxecto seica duraba 36 horas. E agora algúns galegos que viven en Barcelona recupérano para darlle nome a un proxecto cultural que quere “levar un paquete de galegadas” a Barcelona para celebrar os 40 anos do Ateneu de Nou Barris, o centro cultural deste barrio con forte presenza galega. 

Cóntanos a historia Nacho López, músico e activista galego residente en Cataluña, ex compoñente de O Jarbanzo Negro. O concerto de hoxe, que terá lugar na sala Mardi Gras da Coruña, no que participarán os Tres Trebóns e membros de Ultraqans, O Jarbanzo Negro e Bolboreta, “é máis un concerto-xuntanza que un concerto”. E é a primeira actividade de moitas que terán lugar ao longo do 2017 e que pecharán con 30 horas de cultura ininterrompida no Ateneu de Nou Barris en oututro, coincidindo co 40 aniversario deste centro, onde a cultura galega terá moita presenza. 

“Estarán os Diplomáticos, os Papaqueixos, volveremos o Jarbanzo Negro, pero tamén queremos levar grupos novos, haberá teatro, poesía, literatura... O proxecto de Xangai é moito máis ambicioso e queremos darlle vida ás historias de emigrantes que subían naquel tren”, explica Nacho López. 

Do asfalto á cultura

A importancia do Ateneu remóntase a hai 40 anos, cando os veciños ocuparon unha planta asfáltica (si, que facía asfalto) para crear un centro cultural. Daquela Nou Barris, onde recalaron fundamentalmente galegos e andaluces, era un lugar marxinal e cun movemento social moi forte. Quince anos máis tarde, no que foi o primeiro acordo deste tipo no Estado -segundo López-, o Concello asumiu o equipamento municipal, aínda que o centro seguía sendo xestionado polos veciños. 

E a presenza da cultura galega desde entón sempre foi importante. Desde os macrofestivais chamados Foliadas á "Avenida Atlántica", o Ateneu foi porto de abrigo para galegos e galegas da cultura. Alí teñen atracado desde Os  Papaqueixos, Festicultores, Os Diplomáticos, Pinto d'Herbón, A Matraca Perversa ou Manuel Rivas. Os propios Jarbanzo Negro viviron alí, asentando as súas caravanas na Escola de Circo, e participaron intensamente das súas actividades.