Xandre Outeiro, coresponsábel do proxecto Volai-vai: "É tarefa de todas e todos readaptar as tradicións para axeitalas ás novas realidades"

Xandre Outeiro xunta a unha captura de imaxe do proxecto (Nós Diario)
photo_camera Xandre Outeiro xunta a unha captura de imaxe do proxecto (Nós Diario)

Somos un país vivo que mantén a súa tradición oral. As novas tecnoloxías favorecen a súa conservación mais obran novos proxectos. Foi o que pensaron desde Tentatoura Xandre Outeiro e Diego Pintos cando crearon o proxecto Volai-vai, un portal web para reunir cantigas tradicionais galegas de maneira participativa co obxectivo de sumar memorias orais diversas para que se conserven. No seu, noso, horizonte ideal estaría un grande arquivo unificado con todo o material que agora está espallado en organismos públicos e privados. 

Como xorde o proxecto Volai-vai?

Desde o equipo de Tentatoura que formamos Diego Pintos mais eu, sempre desenvolvemos proxectos de deseño gráfico e web relacionados dun ou doutro modo coa música tradicional; xa fose con asociacións culturais ou con publicacións editoriais, libro-CD didáctico etc. Nós mesmos levamos moitos anos tamén inmersos no mundo da música tradicional e folque, así que foi bastante natural que xurdise a idea: unha aplicación onde as usuarias e usuarios puidesen partillar eses anaquiños do patrimonio inmaterial que son as cantigas tradicionais. 

En que se diferenza doutras experiencias de recollida de fontes orais da tradición?

Principalmente en que é un proxecto colaborativo no que calquera persoa pode achegar o seu graíño de area... Non pretende ser unha ferramenta de estudo musicolóxico ou etnográfico, aínda que as cantigas poden ser clasificadas de acordo a uns parámetros de métrica e lugar de procedencia; senón que máis ben quere abrir un oco no mundo virtual para, polo menos, unha parte da nosa tradición.

Fálase moito de que somos un país con moita presenza viva do folclore. Estamos perdendo a tradición oral?

É certo que a cadea de transmisión oral non é tan fluída como noutros tempos, pero precisamente, é tarefa de todas e todos nós readaptar as tradicións para axeitalas ás novas realidades. A música “tradicional” desenvolveuse nun contexto sociocultural que, para mal nalgúns casos e para ben noutros, xa non existe: se queremos que sobreviva non podemos limitarnos á repetición descontextualizada dos ítem culturais, senón que debemos ademais procurarlles novos contextos, crear repertorio novo que se incorpore ao corpus tradicional, e tamén desbotar algúns outros elementos inaceptábeis para a sociedade que actualmente queremos construír, como machismos e outros clixés e estereotipos.

Que é Tentatoura?

É un selo que, baixo o paraugas de “publicacións”, abrangue actividades moi diversas. Desde encargar camisolas personalizadas con cantigas tradicionais até maquetación de partiturado musical para proxectos didácticos e libros-CD.

Sería preciso unificar arquivos privados e públicos?  

O que sería indispensábel é a creación dun verdadeiro arquivo público: e con verdadeiro refírome a “verdadeiramente” dotado de fondos, recursos e persoal cualificado (que o temos) para proceder á catalogación e estudo de todo o noso patrimonio inmaterial. É unha tarefa inmensa, dada a cantidade de material base da que estamos a falar: milleiros de arquivos persoais que continúan a “medrar” ainda hoxe en día, porque falamos dunha música tradicional viva que, como tal, continúa a producir e evolucionar.

Que resposta está a ter o voso proxecto?

Desde que lanzamos a aplicación do Volai-Vai, ten arredor de cen usuarias rexistradas das cales unhas trinta engaden cantigas habitualmente. Ronda as 400 visitas semanais, mais gustaríanos que fosen máis. Encantaríanos que se fose creando unha plataforma ampla na que se puidese facer un seguimento das cantigas. Polo de agora continuamos a implementar seccións e funcionalidades, e temos aberta unha liña de mecenado aberto en patreon.com para colaborar co mantemento.

Comentarios