Xan Gómez é corresponsábel de Numax

Xan Gómez: "Está a se xerar un ambiente cinematográfico moi interesante e saudábel desde hai anos"

Xan Gómez forma parte da cooperativa social que rexenta e leva adiante a "Numax", un proxecto cultural interdisciplinar composto por un cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. Situado na cidade de Santiago de Compostela, "Numax" é unha clara aposta polo cinema independente e de autor, as lecturas críticas e menos comerciais e a colaboración horizontal. Conta coa particularidade de que todos os filmes son proxectados en versión orixinal.  
Numax botou a andar no ano 2015. (Foto: Nós Diario) #numax #cinema #cultura #compostela
photo_camera Numax botou a andar no ano 2015. (Foto: Tamara de la Fuente)

-Numax é un dos proxectos culturais máis importantes de Santiago de Compostela. Como foi a súa confección? 

A historia de Numax como espazo aberto ao público comezou arredor do ano 2015, aínda que xa había a traballar un grupo promotor desde un ano antes. A singularidade do proxecto é esa unión de diferentes disciplinas e diferentes ofertas nun mesmo espazo. Somos unha cooperativa de carácter social, o que implica que todas as socias somos tamén traballadoras. Temos unha organización horizontal, na que a toma de decisións é colectiva. De cara ao público, a cabeza visíbel do proxecto é o espazo de cine e libraría da rúa Concepción Arenal, pero tamén temos un laboratorio de deseño gráfico e vídeo que está situado noutra rúa. Despois de todo este tempo, somos doce socias traballadoras, e ademais temos contratadas a outras dúas persoas.

-Vostede é o encargado da sección de cine de Numax.

Contamos cun cine especializado en cinema independente, que proxecta só títulos en versión orixinal e subtitulados. Fomos das pioneiras en facer este tipo de proxeccións, aínda que agora xa existen máis iniciativas así. Contamos con estreas cada semana de películas premiadas en festivais e son moi ben aceptadas pola crítica. Ademais, tamén temos outro tipo de programacións máis alternativas, como retrospectivas de cinema clásico ou experimental. Son películas máis arriscadas, cun formato máis innovador.

Tamén contamos cunha iniciativa de colaboración con centros educativos de Santiago que se chama Numax Escola.

-As tres seccións funcionan de xeito independente, ou levan a cabo proxectos transversais?

Aínda que a organización é conxunta, cada área ten as súas propostas independentes. Si que é certo que en moitas ocasións mestúranse e conflúen. Un exemplo disto é que, cando temos algunha retrospectiva ou ciclo máis interesante do habitual, o laboratorio gráfico deseña e confecciona material para a promoción moi ben feito, e desde a libraría tamén se acompaña coa exposición de lecturas relacionadas e que están a disposición da xente. Dalgunha maneira, todos vamos a unha aínda que despois haxa proxectos que sexan específicos de cada área. Apoiámonos entre todas.

-O feito de apostar por cinema independente e experimental fai que sexa máis dificultoso a obtención de títulos?  

No caso do cinema, non demasiado. Hoxe en día existe unha gran variedade de produtoras especializadas en cinema independente en versión orixinal, o que nos permite proxectar de maneira máis ou menos doada este tipo de películas. Evidentemente, cando xa te vas a un ámbito máis experimental ou arriscado, xa te tes que buscar a vida.

Falas coas directoras, coas produtoras dos propios filmes... A programación cotiá non é difícil de desenvolver. Ademais, Santiago conta cunha importante poboación interesada no noso estilo de cinema de autor. Nese sentido, penso que non supón un atranco en absoluto.

-Que papel xoga Numax na confección dun tecido cinéfilo galego forte?  

Penso que xa desde hai anos na Galiza está a xerarse un ambiente cinematográfico moi interesante e, sobre todo, moi saudábel. Todo o que pasou co Novo Cinema Galego, con tantas cineastas que están a experimentar grandes éxitos en festivais e por parte da crítica, facía ver que o que se necesitaba era a existencia de salas que apostasen por ese tipo de cine. Ese é o mellor xeito de que cheguen ao noso país e a nosa xente, e é polo que apostamos. Penso que é moi bo para o panorama cinéfilo galego que continúe a existir esta sinerxia.

Comentarios