Xan Carballa: “Francisco Carballo é unha das figuras máis relevantes do nacionalismo”

O xornalista e editor Xan Carballa é autor, canda Santiago Prol, do libro Conversas con Francisco Carballo (A Nosa Terra) e unha das persoas que interveñen na homenaxe que se lle rende este sábado día 27 ás 17 horas en Maceda. 

Xan Carballa (Foto: Sara Recondo)
photo_camera Xan Carballa (Foto: Sara Recondo)

Xan Carballa coñeceu polo miúdo a Francisco Carballo, con quen cadrou na Asociación Cultural de Vigo e, especialmente, na redacción de A Nosa Terra. Despois de moitas horas de entrevistas, Carballa publicou canda Santiago Prol o libro Conversas con Francisco Carballo (A Nosa Terra).  Este sábado intervirá na homenaxe que se lle vai render en Maceda, o seu concello natal. Con el achegámonos á xenerosa figura de Francisco Carballo. 

-Participa na homenaxe do sábado en Maceda. Convoca a figura ampla e xenerosa que era Carballo?

Ten esa vontade. En vida fixéronselle varias homenaxes e esta quere ser un acto de recoñecemento a todo o que el foi. As intervencións buscarán tocar todos os perfís. Xavier Vence falará do seu compromiso político, a familia estará representada pola sobriña, Cesáreo Sánchez visitará a súa faceta como escritor e home de letras e eu recollerei o seu papel no asociacionismo cultural, no xornalismo e de nucleación do grupo de historiadores que el promoveu. O concello de Maceda é quen organiza e, ademais do actual alcalde, Bieito Seara afondará na relación do concello con Carballo, de cando se lle fixeron distintos recoñecementos como veciño que era, entre eles, darlle nome á biblioteca. Santiago Prol, que se encargou da organización, conducirá o acto e lerá as distintas adhesións que se están a recibir. 

-Como valoraría a dimensión da figura de Francisco Carballo?

Sen dúbida é unha das figuras máis relevantes do nacionalismo e do cristianismo progresista. Ten tamén un valor fundamental como investigador da historia da Igrexa e a Idade Moderna ao igual que como promotor do intento de aglutinar a vontade de difusión da historia de Galiza. Nunha entrevista de 2007 falábame de destecer relato falso do poder e ese era o obxectivo das súas investigacións. Era un historiador contracorrente, autor dunha investigación rigorosa mais tamén ben contada. Humanamente, era un home dunha sociabilidade enorme, un dos modelos que se podía utilizar porque era quen de poñerse en todos os rexistros. Sendo un intelectual mostrábase como un cidadán comprometido. 

-Nos obituarios escritos arredor del, a palabra “xeneroso” foi a máis repetida. 

Nas moitas horas de entrevistas que lle gravamos, estes días topei ao azar cun texto no que dicía que lle emocionaba o recoñecemento que atopaba nos que con el compartira a vida mais que non lle importaba a proxección pública. Non busca cartos nin fama mais si ese recoñecemento dos seus. Dicía que non botara a semente nas pedras senón no rego e que, felizmente, medrara. 

-Coincidiu con el en A Nosa Terra, que papel xogou no xornal?

A interlocución con el era absoluta e era normal que participara nas reunións de redacción. Era un home de estilo moi xornalístico, moi rápido e atento á actualidade. Moi moderno, diría. Tiña unha vocación política inmensa e no xornal era unha persoa máis, de acceso doado para nós. 

-Como era a relación con el, que pertencía a unha xeración anterior a vostedes?

No 1975 el tería os cincuenta anos, cando moita xente do nacionalismo estaba entre os 16 e os 25 mais a súa actitude era de dar confianza, contrario ao paternalismo. Nas asembleas era o que daba opinións temperadas, en especial cando había conflitos. Iso dáballo a idade e o ter participado en moitas reunións. Para o nacionalismo sería importante que houbera máis xente da súa idade comprometida neses anos da Transición. 

-Un máis, di vostede, mais a Carballo sempre se lle atendía, na redacción sentíase o respecto inmenso que se lle tiña. 

A súa opinión era sólida, tiña fundamento. Non era o que máis alto falaba e tiña vontade de participar nun proxecto colectivo. Gañábase o respecto porque sabía oír. Unha das palabras que máis se repite nos seus escritos é “inculturación”. Falaba con calquera, e sempre con sorriso transmitindo unha imaxe que o fixo eternamente mozo. Ter a Carballo ao lado dábache unha especie de impulso moi positivo. Moita xente o sentiu como exemplo. 

Comentarios