A Xamaica galega está os días 6 e 7 en Tomiño

Á beira do río, coa fronte virada para Portugal, o Espazo Fortaleza de Goián acolle os días 6 e 7 de setembro o Minho Reggae Splash, un festival xa referencia nos ritmos xamaicanos que ten lugar por primeira vez na beira galega. Nas anteriores edicións, o escenario estaba en Vila Nova da Cerveira.  

Dandyfever
photo_camera Dandy Fever

O Minho Reggae Splash atravesa o río e instálase na beira galega. Á cuarta edición chega o Minho Reggae Splash organizado polo Concello de Tomiño a través da Asociación Minho Reggae. Desta volta, o Espazo Fortaleza de Goián é o novo emprazamento dun programa no que a música vén acompañada de actividades deportivas e artísticas, espectáculos de rúa, obradoiros e feiras, xusto na beira dun río que dá a man coa portuguesa Vila Nova da Cerveira, vila na que se celebraron as anteriores edicións do festival.  

Praia fluvial e máis de 60.000 metros cadrados de espazo natural con zona de acampada é o escenario dunha cita que é xa referencia para quen goza cos ritmos xamaicanos. A programación ábrese tamén para todas as idades e un público amplo con grupos musicais chegados de Londres, Brasil ou Noruega con citas como a do londinense Alpheus que moverá o público a ritmo de reggae, ska e rocksteady. O santanderino Roberto Sánchez, os brasileiros Ukiemana, o Chakras, banda de Noruega, os madrileños Goymamba, Organic Roots Crew e Tasty Groove ou Enki Sutta Dub, de Francia son os músicos convidados ao programa de Tomiño. Zamaramandi, Dandy Fever e Chek Selectah & Genbeat serán as que mostren o reggae que se está a facer no país. 

comentarios