Xacobo Ares: "Se despois dunha recolla de música popular non ensinamos o traballo, a cadea rompe"

Xacobo Ares, gaiteiro e pandeireteiro, da Asociación Amigos da Gaita, puxo en marcha o proxecto "Tecedeira, tecendo a tradición" que presentará en Ribadeo o vindeiro 26 de xuño. Recoñece que o traballo da musicóloga Dorothé Schubarth o inspirou para esta iniciativa, así como a traxectoria de investigación en cultura musical popular de Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio Costa. Con todo, a influencia máis importante tívoa na súa propia familia da man do seu tío, Francisco Ares, fundador d'Os Montes de Lugo.
Xacobo Ares facendo unha recollida con Francisco López, "o gaiteiro de Saa" (Nós Diario).
photo_camera Xacobo Ares facendo unha recollida con Francisco López, "o gaiteiro de Saa" (Foto: Nós Diario).

-Como se achegou á recolla da música tradicional galega? 

A miña familia, por parte de nai, dedicouse á música tradicional. Comecei a investigar persoalmente, sen querer sacar nada fóra. Ao principio decátaste de que hai unha historia moi bonita. De aí xurdiu o meu proxecto máis importante no que estou traballando, un libro CD en homenaxe ao meu tío Francisco Ares, que foi fundador do grupo Os Montes de Lugo xunto aos seus irmáns Anxo e Daniel, unha das agrupacións máis importantes da Galiza e pola que pasaron músicos como Antón Corral ou Xosé Luís Foxo. Creo que é un bo momento para reivindicar a figura de Francisco Ares como gaiteiro mais tamén como home que estivo toda a vida ao servizo da gaita e da música tradicional.

-Que é Tecedeira e cal é o obxectivo principal deste proxecto?

Tecedeira é un proxecto de investigación, compilación e divulgación das músicas de tradición oral. Nace na Mariña, en Ribadeo. O obxectivo do proxecto é implicar a sociedade e as novas xeracións na investigación e conservación do noso patrimonio, así como a realización de obradoiros de formación, publicación de libros e documentais. 

Vin que había un salto xeracional despois de todas aquelas e aqueles que comezan a facer traballos de campo, chegar á xente máis nova como se fan as recollas da música tradicional. A nosa filosofía poderíase resumir nas palabras de Gustav Mahler cando di que “a tradición non consiste en adorar as cinzas, senón en conservar e en transmitir o lume”. Con esa idea querémonos dedicar a recoller o que falta por dar a coñecer da nosa música, que seguro que é moito.

-Cal foi o descubrimento máis importante que realizou con esta iniciativa?

Unha das visitas que fixen durante todo este traballo foi a Francisco López, un gaiteiro de Santiago de Saa, no municipio de Lugo, que fundou un cuarteto nos anos 40 e foi membro d’Os Enxebres de Lugo durante once anos. Multidisciplinar, tocaba a gaita, o acordeón e o saxo tenor. Agasalloume coa gravación en VHS d’Os Enxebres, inédita. Estamos traballando na recuperación desa cinta que estaba bastante deteriorada mais pensamos que vai sorprender.

-Como pensan difundir todo este traballo?  

Interésanos moito entrar nas escolas. Comezar a facer mostras de instrumentos tradicionais e organizar obradoiros sobre os pasos a seguir para facer unha recolla. É un labor moi importante. As e os informantes foron as persoas que conservaron o idioma, a música... O primeiro é preguntar. Na transmisión oral non só hai música, tamén hai contos, xogos populares, refráns... temos un país moi rico.

Gustaríame chegar á xente que non ten contacto con este tema. É a nosa responsabilidade, a da xente que traballamos co folclore e que estamos nas asociacións, para que as xeracións que veñen teñan coñecemento sobre o noso patrimonio inmaterial. Por iso tamén creo que é moi importante poder colaborar cos centros educativos e traballar cos nenos e nenas sobre esta parte do patrimonio inmaterial galego. Todo o material que vaiamos recollendo, ao rematar, será depositado no arquivo do Museo do Pobo Galego para que estea ao alcance de todo o mundo. 

-Logo a idea é aprender e difundir, non aproveitar ese traballo doutro modo?  

Se despois dunha recolla non ensinamos o noso traballo, a cadea rompe. Non serviría para nada gardalo para un mesmo.

Comentarios