Xacio Baño é, sen dúbida, un dos nomes máis recoñecidos e premiados do coñecido como Novo Cinema Galego e, ao seu palmarés, vén de sumar o premio do xurado á mellor curtametraxe de imaxe real, dotado de 1.500 € e Can de Pedra. O xurado, composto por Karra Elejalde, Chelo Loureiro, Xurxo Souto, Isabel Ayguavives, Monti Castiñeiras, Xúlio Abonjo e Sabela Arán valorou a súa “profundidade e a emoción que é capaz de provocar este traballo con non-actores”. Na curta, Xacio Baños confronta o seu mundo e o das súas raíces e trata de explicarlle aos seus avós a que singular oficio se dedica, unha curtametraxe que o autor asina despois da premiada Anacos.
O premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, cunha dotación de 1.500 € e Can de Pedra, foi por unanimidade, para Jamón, de Iria López. Recibe o premio por por "narrar unha pequena historia cotiá con orixinalidade e cunha altísima calidade no deseño gráfico, na animación e na música”.
O palmarés complétase cos seguintes premios:
-Premio especial do xurado dos veciños á mellor curtametraxe, dotado cun Can de Pedra, para 3-1=0, valora o xurado que se trate dunha historia real, cercana e coa que identificarse ademais da orixinalidade coa que se conta e implica ao público.
-Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado cun Can de Pedra, para Déborah Vukusic por 3-1=0.
-Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado cun Can de Pedra, para Javier Gutiérrez por Tupper.
-Premio CREA do xurado á mellor dirección, dotado con 200 € e Can de Pedra, para Omar Rabuñal por Koan.
-Premio AGAG do xurado ao mellor guión, dotado con 200 € e Can de Pedra, para Hogar Hogar, de Carlos Alonso Ojea.
-Premio do xurado á mellor banda sonora, dotado cun Can de Pedra, para Jamón de Iria López.
Non teñen, mais se tiveran premio á mellor fotografía, non dubidaría o xurado otorgarllo a Luís Solarat por La Carne Crudo e así deixan constancia.
Tamén reciben premio de Cans, María Bouzas, co Pedigree´14, o premio de honra do festival e os videoclips "Un gran hijo de puta” de Los Árboles, dirixido por Manuel Valcárcel, como premio do xurado mentres o público decidiu recoñecer a Carreteras de Dakidarría. Dirixido por Andrés H. Bonader.