Parderrubias amplía o territorio económico do Paleolítico galego

A obras dunha senda ciclista e a memoria da veciñanza de Parderrubias, en Salceda de Caselas, propiciaron a descuberta dun xacemento que achega información nova sobe o Paleolítico galego. Expertas en arqueoloxía inician o estudo da industria lítica recuperada cuxa xestión e divulgación lle corresponde a Patrimonio Cultural.
parderrubias
photo_camera Noiro ao carón da estrada onde realizaron os achados. A arqueóloga Patricia Iglesias sostén un biface (Foto: Nós Diario).

As obras de construción dunha nova senda peonil e ciclista na estrada PO-411 ao seu paso por Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas, comarca de Vigo, veu confirmar este verán o que varios achados fortuítos apuntaban desde os anos 90 do século pasado: a existencia dun xacemento paleolítico que amplía o territorio frecuentado pola poboación nómade afeita á bacía do Miño hai miles e miles de anos.

"Até o de agora, todos os restos coñecidos situábanse na cunca do Miño. Era a ruta pola que se movían os grupos sociais do Paleolítico", explica Rosa Villar Quinteiro a Nós Diario, doutora en Prehistoria e Arqueoloxía, cunha ampla formación en investigación desde finais dos 80. Foi a primeira en escavar Portomaior, nas Neves, e vén de dirixir os traballos de exploración de Parderrubias.

"Este sitio é interesante porque achega información nova e, sobre todo, porque vén ampliar a extensión de terra pola que se desprazaron os homes do Paleolítico. Ademais do val principal, frecuentaron, cara adentro, vales de segundo e terceiro grao".

Territorio económico

É o que se denomina territorio económico, a demarcación que precisaban para vivir. Unha extensión ampla, aclara a arqueóloga, frecuentada mais non ocupada de forma permanente polos grupos sociais, cuxo principal interese estaba en explotar os recursos da zona.

Cazar un animal era relativamente accesíbel, pero despois había que despezalo para podelo comer

"Temos que situarnos hai miles de anos. Aínda non podo precisar cantos, pero miles, nun momento en que o home era nómade e cazador". O seu maior problema, di, era dispor de ferramentas para cortar. "Cazar un animal era relativamente accesíbel, pero despois había que despezalo para podelo comer".

Villar Quinteiro supón a presenza no val de Salceda de grupos sociais "non moi grandes" que precisaban para a súa supervivencia un territorio extenso conformado por "diferentes biotopos", suficientes para dotalos de recursos todo o ano, verán e inverno.
Así, dependían sobre todo de zonas onde se acumulaba auga. "Os lugares que retiñan auga era onde os animais acudían beber. E ese era o momento apropiado para eles controlalos e darlles caza".

Parderrubias

O achado do xacemento de Parderrubias "resultou sorprendente", resume Rosa Villar Quinteiro. "Mais hai que ter en conta que estamos ao carón de Budiño, o gran xacemento paleolítico da Galiza durante décadas, desde os anos 60 que se descubriu dando lugar a varias escavacións. Ten unha amplitude moi grande, entón, tampouco é de estrañar que aparezan restos cara ao interior, nun val de terceira orde, como é o caso, seguindo o val do Miño".

Con todo, a descuberta deuse en circunstancias "curiosas". A iniciativa partiu da veciñanza e "non é o habitual", recalca a arqueóloga. "Nesa zona hai un noiro, un corte sobre a estrada na que a veciñanza, hai anos, atopou pedras talladas e seixos de cuarcita". 

Estamos ao carón de Budiño, o gran xacemento paleolítico da Galiza durante décadas

Entre os rastrexadores está Xosé Manuel Suárez, veciño de Parderrubias, historiador e arqueólogo, cuxos coñecementos fixo valer de novo malia non se dedicar profesionalmente. 

Cando a Xunta iniciou a execución das obras para ampliar a PO-411, decidiu exporlle á veciñanza as súas sospeitas ante o risco de recuamento da támara e a desaparición de calquera vestixio que puidese agochar. Decidiron elaborar un informe e trasladarllo á Xunta, que se puxo en contacto con Villar Quinteiro para aclarar se no lugar había restos paleolíticos, ver a súa situación estratigráfica mais a súa amplitude.

Industria lítica tallada

E foi o que fixo, a canda o seu equipo. Exploraron a zona e descubriron unha industria lítica tallada. "A forma de ter gumes para despezar a caza era tallando pedras. E había moitas ao seu alcance. Percutíndoas, primeiro fixeron ferramentas de corte de gran tamaño, como bifaces e fendedores. Despois decatáronse de que cada lasca que quitaban era en si mesma un fío".

Esta industria ten características técnicas diferentes, tamén en tamaño e fabricación

As ferramentas recuperadas remiten a un momento cronolóxico e cultural concreto, salienta Villar Quinteiro. "Remiten á Prehistoria, ao Paleolítico. En concreto, ao paleolítico antigo, non superior, o que definimos como un momento do pleistoceno medio".
Ao entender da experta, esta industria ten características técnicas diferentes, tamén en tamaño e fabricación. As pedras que utilizaban para tallar as ferramentas "son bastante específicas. Non lles vale calquera", precisa. Empregaban cuarcita e cuarzo, abundantes na zona. "Todos os seixos que o río arrastraba e arrastra son de cuarcita. Ademais, en Parderrubias houbo unha explotación de cuarzo até hai poucos anos".

Xacemento 'in loco'

Sobre a súa posición, recoñece que a industria non está espallada senón nun nivel do terreo, nunha secuencia estratigráfica. "Non están nun xacemento in situ, no mesmo sitio onde quedaron abandonadas. Están in loco. Hai que aclarar que cando se traballa con restos de hai tantos miles de anos, ao aire libre, é practicamente imposíbel que permanezan no mesmo lugar sen sufrir ningún tipo de desprazamento, porque a superficie do terreo modifícase pola erosión. Polo tanto falamos de ferramentas desprazadas do seu punto orixinal", conclúe.

Só a pedra resiste o paso do tempo

Xacementos como o de Parderrubias non teñen estruturas asociadas que se poidan musealizar ao aire libre. "Neste sentido, son difíciles de divulgar", sinala Rosa Villar Quinteiro. O que queda son as ferramentas, que ficarán depositadas no Museo de Pontevedra. "Agora estamos no proceso de inventariar, siglar e debuxar cada peza". Despois virá o estudo. E mesmo a posibilidade de que o Concello de Salceda, interesado nos resultados deste traballo, poida solicitar algún material para montar unha aula de interpretación sempre que dispoña dun espazo adecuado.

Comentarios