Xacarandaina presenta 'Endaterra' na Coruña

A montaxe está dirixida por Quique Peón e inclúe corpo de baile, coro e instrumentistas

'Endaterra'. (Foto: Sandra Pereira)
photo_camera 'Endaterra'. (Foto: Sandra Pereira)

Xacarandaina levará o seu espectáculo de música e baile tradicional Endaterra ao Coliseo da Coruña o 7 de maio. Este espectáculo, que se constrúe ao redor da historia e o acervo cultural dos concellos que atravesan os Camiños de Santiago do Norte e mais o de Fisterra-Muxía, reúne en escena, baixo a dirección de Quique Peón, máis de 80 artistas entre corpo de baile, voces e instrumentistas. 

"Levar ao maior recinto de exhibición de espectáculos da Coruña unha montaxe destas características é unha auténtica aposta de cidade polo noso folclore", recoñece o propio Peón, antes de lembrar a magnitude do que representa Xacarandaina para a cultura herculina. "É máis que unha asociación histórica, é unha verdadeira institución fundada fai xa 44 anos, que conta con máis de 1.500 persoas asociadas e que mobiliza cada ano nas súas actividades de formación a preto de 700 persoas". 

 

Xacarandaina recibirá o próximo 15 de marzo, pola súa traxectoria e relevancia, o Premio da Cultura Galega na categoría de Patrimonio Cultural, que concede a Xunta de Galiza. 

Endaterra é un novidoso espectáculo que fusiona distintas artes escénicas como o teatro, o baile e a música tradicional galega (melódica e vocal). A montaxe, ademais, conta cunha banda sonora que foi composta en exclusiva e dispón dunha singular produción audiovisual para crear unha paisaxe sonora e visual con imaxes e sons naturais dos itinerarios xacobeos do Norte e mais de Fisterra-Muxía. 

A produción representa unha completa mostra da ampla cultura tradicional de dúas das rutas compostelás menos exploradas. Desenvólvese así un traballo de investigación dos bailes, divertimentos, danzas, cancións, traxes e tradicións dos dezaoito concellos polos que transcorren estas dúas vías a Santiago.  

Comentarios