Sábado 6 de abril na Coruña

Xacarandaina celebra 40 anos de música tradicional

Naceu en 1979 como resultado dun movemento unitario. Sesenta ou setenta persoas, membros de grupos pequenos espallados pola Coruña, acudiron á chamada, entre eles Felicitas León, Rosi Ares, Lino Rivas ou quen hoxe é director de Xacarandaina, Quique Peón. A emblemática agrupación de música tradicional celebra 40 anos en activo e faino estreando novo espectáculo este sábado, 6 de abril, na Coruña.
 

xacarandaina
photo_camera Imaxe de Xacarandaina durante unha actuación. Foto: cedida.

O Teatro Colón acollerá a actuación, que servirá ademais como presentación do disco 40 anos Xacarandaina, en que participan medio cento de artistas. E é que Xacarandaina é un grupo e unha escola. Non por acaso, polas súas fileiras pasaron flor e nata da música galega: Bieito Romero, Sés, Mercedes Peón ou Xabier Díaz.

“A singularidade deste espectáculo”, sinala en comunicado de prensa a agrupación, “será volver sobre as táboas músicas e cancións que estrearon hai anos e non se volveron tocar. Será un espectáculo de grande valor escénico, histórico e etnográfico”. Deseño de luces singular, posta en escena “coidada”, trátase dunha “gala creada para a ocasión en que o obxectivo principal será promover e divulgar a arte inmaterial galega, facendo que o espectador viaxe no tempo”.

Para concretalo, Xacarandaina escolleu “entre as máis de mil melodía diferentes recollidas no traballo de campo ao longo da historia da entidade”. Algunhas delas figuran tamén en Xacarandaina 40 ano, desde unha Danza de Bergantiños gravada en 1981 ao Canto de arrieiro e pandeiretada de Rus en 1990, o Valse das Cortellas en 2006 ou o Pateado e Muiñeira de Mozo en 2018.

A actuación da Coruña no Teatro Colón será o sábado 6 de abril ás oito e media do serán e as entradas xa están á venda.

Comentarios