Caderno de Verán

Xabier Díaz: "O noso proxecto inmediato é retomar a xira"

En marzo puxo no mercado o seu cuarto disco, 'As catedrais silenciadas', que non puido xirar por mor da Covid-19. Este verán, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre retoman pouco a pouco as actuacións en directo e planifican as xiras e concertos que tiveron que adiar.
Xabier & Adufeiras 2
photo_camera Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. / Carlos Abal

A pandemia provocada pola Covid -19 e o posterior confinamento truncaron a xira de presentación de 'As catedrais silenciadas', que saíu ao mercado no mes de marzo.  Isto causou que o número de concertos ofrecidos este ano por Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre sexa 10 veces menor que calquera outro. Presentacións en Madrid e Barcelona canceladas, xira por China adiada até o 2021, con todo, Xabier Díaz quere "ser optimista e a nosa actividade agora parece que se volve un pouco máis incesante, xa hai máis concertos e máis chamadas". Consciente de que "todo dependerá da situación da pandemia" o músico afirma que "se dalgunha maneira se normaliza a convivencia co problema, os concertos ao aire libre vanse estabilizar e o ano que vén haberá moitos máis concertos no verán".

Agora "o inmediato é retomar a xira, coller a furgoneta e a estrada e continuar a presentar o disco".  Ademais, comenta Díaz, "estamos a ter boas novas canto á cuestión internacional, por segundo mes consecutivo estamos no top 10 da WMCE (World Music Chart Europe) e somos número 3 no top 10 de Songlines" (prestixiosa revista musical do Reino Unido). O traballo coas Adufeiras de Salitre vai, polo tanto, no camiño de "afianzar o disco, tocalo, sacalo do letargo ao que nos vimos obrigadas". "Estiven practicamente 2 anos a traballar neste disco e o que toca agora é presentalo en todos cantos lugares sexamos capaces",  puntualiza Díaz.

'As catedrais silenciadas' pechará as festas de Ferrol o 31 de agosto

Sobre a posibilidade de realizar concertos fóra do Estado, o músico traballa "no que será internacional no 21 e no 22, retomando pouco a pouco o pulso" e reflexiona "a min mesmo me provoca unha certa vertixe subir cunha tropa a non sei cantos avións, non sei cantos aeroportos... expoñer a miña xente, polo menos neste momento". Pero a xira polo país anque avance a modo non se detén e Xabier Díaz estará coas Adufeiras de Salitre o vindeiro 31 de agosto pechando as festas de Ferrol.

Así e todo, e aínda que a 'As catedrais silenciadas' a Covid-19 lle custou unha xira de presentación, a Xabier Díaz, pola contra, os meses de confinamento "sentáronme ben, porque viña de 5 anos de moitísima intensidade de axenda e viaxes". 

A discografía

— 'As catedrais silenciadas', 2020. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. 
Unha obra que tenta "explorar os límites do formato". "Un berro á perda identitaria".

— ' Noró', 2018. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Compóñeno 13 cancións que pretenden ser "un retrato sonoro do Norte", con el xiraron por 13 países e deron 200 concertos.

— 'The tambourine man', 2015. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
Comeza a colaboración coas Adufeiras de Salitre.

— 'Coplas para Icía', 2007, primeiro disco en solitario.

Comentarios