Música tradicional

Xabier Díaz, un mestre de luxo para aprender pandeireta, agora na rede

O músico inicia un curso en liña de pandeireta para as que comezan "desde cero", un proxecto que tiña en mente desde hai tempo e bebe da súa propia aprendizaxe do instrumento.
Xabier Díaz.
photo_camera Xabier Díaz.

As que queiran aprender a tocar a pandeireta están de sorte. Xabier Díaz recupera o seu labor docente cun curso virtual a través da súa canle de YouTube. No vídeo de presentación, xa dispoñíbel, explica que o proxecto está pensado para as que comezan "desde cero".

Con esta escola quere dar resposta a moitas galegas do exterior, afeccionadas ao instrumento que lle levan solicitado consellos e materiais ao músico durante anos. De facto, podemos atopar titoriais de como tocar algúns dos seus temas na plataforma.

Os contidos dos video-titoriais, con subtítulos ao inglés e o castelán, son abertos a todo o público e están estruturados en 16 episodios. Cada 14 días subirase un novo vídeo, sempre en cuarta feira ás 9.30 horas. O primeiro estará dispoñíbel o día 30 de setembro.

Aprendizaxe progresiva

Consciente de que non hai demasiados materiais didácticos nin un ensino regrado do instrumento, Díaz decidiu perfeccionar e reordear o proceso co que el aprendeu a tocar. O método pretende evitar que as estudantes fagan reviravoltas ou suban falsos chanzos que, no futuro, obriguen a retroceder para poder avanzar de novo.

Aínda que o curso está pensado para que as persoas que se aproximan ao instrumento sen ter coñecementos previos, pode ser moi útil para a xente que sabe tocar ou que ten un certo nivel, que verá neles a posibilidade de reaprender, de baixar algún chanzo para pulir erros e volver ao punto no que unha estaba.

Un antigo proxecto

"O tempo redimensionouse de novo e pensei que era o momento de levar adiante esta vella promesa", confesa Díaz. Cando semellaba que o mundo paraba por mor da pandemia, tivo a oportunidade de concentrarse na idea. Para actualizar o proxecto, o máis difícil foi preproducir e decidir unha orde dos capítulos: que vaian incrementando a dificultade paso a paso.

Tres meses no 'top ten'

No estritamente musical, o último traballo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, As Catedrais Silenciadas (2020), segue a obter uns resultados impresionantes.

Actualmente atópase no posto 7 da World Music Charts Europe (WMCE), a máis prestixiosa lista de recomendacións de músicas do mundo. É o único que se mantén no top ten de forma consecutiva durante os últimos tres meses.

Comentarios