Concertos en Compostela 12 e 13 de marzo

O Xabarín Club fai un cuarto de século

O Xabarín Club, o espazo infantil da TVG máis lembrado e popular, fai 25 anos. A canle pública celébrao cun programa dobre de concertos estes 12 e 13 de marzo na Sala Capitol de Compostela.
 

xabarín club 25 anos
photo_camera Detalle do cartaz polos concertos de 25 aniversario do 'Xabarín Club'. Imaxe: cedida.

É probábel que non poucos dos músicos e músicas das bandas participantes no aniversario entrasen en contacto co pop galego a través do Xabarín. Porque se nalgo foi pioneiro o personaxe ideado por Suso Iglesias e polo debuxante Miguelanxo Prado foi en poñer a cantar en galego ducias e ducias de grupos e dar enorme visibilidade a outroo que xa o facían de por si.

Non todo é o que parece amigo, Alexandre de Fisterra, Churras, churras, churras, Estou na lavadora, Carmiña Vacaloura... Os éxitos musicais difundidos polo Xabarín sobre todo na súa primeira etapa marcaron máis dunha xeración de preadolescentes, adolescentes e post adolescentes.

A TVG conmemora esta aventura a partir das cinco da tarde desta segunda feira, na Capitol. Na primeira das sesións previstas actuarán Ataque Escampe, Som do Galpom, Broken Peach, Triángulo de Amor Bizarro e The Lákazans. É dicir, unha escolla de amplo espectro sonoro, do pop global a noise rock, de soul funk a variacións rap.

Na segunda, que será a terza feira, tamén a partir das cinco da tarde e tamén na Capitol, será a quenda de Escuchando Elefantes, Fondo Norte, Dakidarría e Monoulious DOP.

Os dous concertos de 25 aniversario do Xabarín Club serán gravados polas cámaras da Televisión Galega e emitidos en Inimitables.

Na actualidade é a segunda canle da TVG a que se encarga de acoller o Xabarín Club. Mais o seu formato dista do orixinal e, sobre todo, xa non involucra a escena musical do mesmo e singular xeito en que o facía.

Comentarios