Radio Cos estreará en xaneiro na Coruña o seu novo disco, ‘Pasatempo’ 

Despois do éxito do primeiro disco (Radio Cos, 2013), rodado por multitude de festivais europeos e galegos, Radio Cos prepara a saída do seu segundo traballo discográfico titulado ‘Pasatempo’. 

radiocos
photo_camera Radio Cos

Radio Cos presentará nun concerto no Teatro Rosalía o vindeiro 15 de xaneiro o seu segundo disco, ‘Pasatempo’, que estará nas tendas en breve, aínda que xa pode conseguirse a través do seu Facebook ou no propio concerto. A banda coruñesa leva un ano ateigado de éxitos: foi seleccionada na revista Folk in Roots dentro do ranking dos mellores discos do ano, entrou na lista World Charts Music de éxitos musicais, e foi parte da selección oficial de Womex 2016. 

A cerna do traballo é o repertorio que eles mesmos obtiveron durante as pesquisas realizadas no seu traballo de investigación, melodías que pertencen ao seu arquivo privado de gravacións de campo, traballo que levan facendo desde hai máis de trinta anos. Músicas de raíz que eles mesmos localizan e recollen para máis tarde adaptar e actualizar, mais sen sen renunciar a amalgamalas e alialas con outras tradicións musicais que lles son próximas.

A cerna do traballo é o repertorio que eles mesmos obtiveron durante as pesquisas realizadas no seu traballo de investigación

O nome deste segundo disco está inspirado no ‘Parque do Pasatempo’, un precursor dos parques temáticos situado en Betanzos, antiga capital do Reino da Galiza. Unha obra que desexa plasmar, mediante unha infinidade de detalles, as innumerábeis viaxes que os irmáns García fixeron arredor do mundo. E iso é o que pretende agora Radio Cos con ‘Pasatempo’, enlazar este disco con outras culturas coas que mantiveron un contacto a través das súas viaxes musicais.

Radio Cos son Henrique Peón (voz e pandeireta), Xurxo Fernandes (voz e pandeireta), Xan Pampín (acordeón), Pedro Lamas (gaita e saxo tenor) e Nikolay Velikov (violín). Con este segundo proxecto volven a traballar sobre o repertorio de música tradicional galega para darlle visibilidade ás cancións tradicionais de Galiza, mais conxugándoas con novos sons até evolucionar ao estilo propio que os caracteriza.