Xa está aquí o Culturgal

Esta mañá abriu o Culturgal, a cita máis importante do ano coa cultura galega, que acolle 81 stands e máis de 120 actividades. Prevé a asistencia desde a sexta feira até o domingo de 15.000 visitantes.

culturgal-venres
photo_camera Culturgal

“Presume de Culturgal” é o lema deste ano que apela á autoestima para seguir medrando co modelo de responsabilidade iniciado o ano pasado.Unhas 15.000 persoas visitarán o Pazo da Cultura de Pontevedra estes días, que acolle presentacións, actividades e espectáculos destinado ao público xeral, pero tamén para profesionais ou para nenos e nenas. 

No apartado literario, Manuel Rivas realizará un recital poético co seu último poemario, A boca da terra, e o propio farán Gonzalo Hermo, María do Cebreiro e Isaac Xubín. E Através Editora presentará as súas dúas últimas novidades: Ostrácia de Teresa Moure e Seique de Susana Aríns. Tamén poderemos conversar con outros autores que veñen de sacar libros do prelo, como María Solar, Marcos Calveiro, Antón Riveiro Coello ou Manuel Portas, entre outros. 

Pola banda musical atopamos moitas caras e proxectos novos. Ademais do de Cristian Silva, Ego, está o novo da orquestra Os Modernos, Tatán, o vigués Samuel Levi, o coruñés Javier Prado, Javier Marcos  e Sanjurjo&Dopico. Ou o concerto de Batemento, Celtic Music System, un novo proxecto de folk electrónico. Alén disto, poderemos asistir á presentación do novo CD/DVD de Caxade coa Banda de Música de Bandeira, gravado na pasada edición do Culturgal, ou ao concerto de Uxía e Narf co seu último traballo xuntos. Para o público infantil tamén hai novas músicas: o novo disco Canta o cuco de Uxía e Magín Blanco ou o último de Mamá Cabra. 

No eido audiovisual, haberá maratón de webseries e presentación dos filmes Lobos sucios, de Simón Casal, e Sísifo confuso, o documental sobre Francisco Leiro que dirixe Aser Álvarez. Tamén se entregará o Premio Culturgal do Público ao certame Curtocircuíto, que competiu coa Mostra de Teatro de Ribadavia e co Festival Sinsal. 

En canto a teatro haberá novas propostas de Talía, Ibuprofeno, Migallas, Artello e Educateatro, na súa maioría destinado ao público infantil. O maior espectáculo da feira, previsto para a noite do sábado estará dedicado ao humor, con "Dá de contar a quen pasa" e terá como protagonistas a Cándido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, Lucía Aldao e María Lado. Unha festa do humor e da palabra. 

En canto a iniciativas culturais, a Fundación Manuel María presentará as súas propostas para o ano 2016 dedicado ao escritor chairego. E a Deputación de Pontevedra presenta unha unidade didáctica titulada “Estampas de Castelao” que abre as propostas para un 2016 que a Academia de Belas Artes dedicará á obra do artista e político rianxeiro.

Por último, a Deputación de Pontevedra promove unha mostra de arte contemporánea titulada 'Somos Espazo: simbioses entre arte e arquitectura' e comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral. Recolle obras de 24 artistas e arquitectos galegos e estará no Pazo da Cultura desde o 4 de decembro até o 10 de xaneiro. Entre eles, obras de César Portela, Carme Nogueira ou Jorge Perianes.

Comentarios