X.L. Suárez Canal: “José Suárez enmárcase nas vangardas fotográficas”

A pasada sexta feira inaugurouse na Cidade da Cultura a máis completa exposición sobre a vida e a obra do fotógrafo José Suárez (Allariz 1902-A Guarda 1974).

joseu_suaurez_con_kurosawa
photo_camera José Suárez con Kurosawa en Xapón

Falamos con Xosé Luís Suárez Canal, comisario de exposición (xunto con Manuel Sendón) ademais de sobriño, cuxo desexo é conseguir levar a mostra aos lugares onde el viviu e expuxo. 

- Con esta expo faise xustiza coa figura de José Suárez, non?
- Antes fixéranse dúas expos máis, na Fotobienal en Vigo e outra en Coruña, en Caixa Galicia, pero hai xa 20 anos. E esta, en principio, é unha exposición definitiva, onde hai un número de fotos importante (210), e despois hai unha segunda parte onde metemos cantidade de documentos, libros, catálogos, publicacións que nunca se mostraran...  Ao lado diso están cantidade de obxectos, cámaras, obxectivos, o álbum persoal da neve, as botas de esquí, todo o que conservamos del e que axuda a comprender moito mellor a súa figura. E todo isto compleméntase cunha fotobiografía del, que se complementa con documentos que el tiña, con cartas que enviaba, de fotos que lle enviaba aos irmaos, aos pais. Isto é grosso modo a idea central da exposición. 

- Nace con vocación itinerante.
- A nosa idea é estreala no Gaiás e logo itinerala polos sitios onde el viviu. A primeira saída vai ser Bos Aires, onde estará na Feira do Libro a partir do 28 de abril, despois pretendemos que vaia a Montevideo, onde viviu, despois irá a Madrid, non sabemos aínda onde, e tamén a Salamanca e a París, onde el expuxo e onde el viviu. 

- Na mostra reivindícase a José Suárez como unha figura clave na historia da fotografía.
- Fundamentalmente a nivel de Galiza e a nivel de Estado. El enmárcase a nivel europeo nas vangardas fotográficas, con moitas semellanzas a estes autores. Pero a nivel de Estado e a nivel galego rotundamente é unha figura, un fotógrafo do que non se pode pasar cando se fai unha gran mostra. Nos anos 30 e nos anos 50 hai moi poucos, por non dicir ningún, que traballe coa precisión, coa modernidade, e co estilo documental que el tiña. El empezou a traballar imitando as vangardas fotográficas dos anos 30, é un fotógrafo único en Galiza, pola súa formación intelectual e polo traballo que el fai. Adéntrase en Galiza, ve a realidade doutra forma, de aí a frase que utilizamos no título da mostra, que é de José Bergamín “Uns ollos vivos que pensan”. A realidade transformada a través dos ollos de José Suárez. 

"Retrata as persoas con dignidade, párase nas casas. Un saca unha serie de conclusións profundas, non é nada costumista".

- Tivo unha vida apaixoante e dramática, marcada polo exilio. 
- É o que vai marcar toda a súa vida e tamén a súa obra. El aquí a nivel de Estado tiña un recoñecemento artístico importante; expón no 35 no Círculo de Bellas Artes en Madrid e despois en París. Empeza a facer cine contratado pola compañía Cifesa sobre os alfareiros galegos, a malla, as feiras e o único que empeza e ten que rematar en Arxentina polo exilio é o de 'Mariñeiros'. Polo tanto, o exilio trunca esta vida creativa que tiña, ese contacto que tiña con toda a intelectualidade de Salamanca, Unamuno, Bergamín, etc. e volta a empezar no exilio en Arxentina, saíndo de Lisboa curiosamente con Manuel Colmeiro. Alí os primeiros anos dedícase ao mundo do cine para poder vivir, adquire rapidamente importancia, viaxa por todo o mundo como correspondente de La Prensa de BA e de El Día de Montevideo. Viaxa a Xapón e no 59 decide volver nun mal momento, pero o que marca a súa vida é o exilio, porque a súa muller non quere acompañalo e iso inflúe no seu carácter, o que se ve reflectido nas súas fotos. O retorno para el é unha traxedia, porque o recoñecemento que el tiña alá, aquí en pleno franquismo non ía telo. El tivera que exiliarse porque era profundamente republicano, era presidente da FUE de Salamanca, un sindicato de estudantes de esquerdas e chega aquí e non ten as portas abertas nin o recoñecemento que debía ter. 

- Ese filme desaparecido, 'Mariñeiros', estreouse en Arxentina, e logo desapareceu. 
- Fíxoo aquí por terras do Morrazo e de Rianxo e non se sabe como sae, segundo testemuñas saen os negativos nun cargueiro, revélase en Arxentina e remátao alí. Estréase alí, a crítica é moi boa a nivel fotográfico, pero resíntese evidentemente porque as paisaxes galegas non son as arxentinas. Eu ando detrás do filme, teño as críticas, Seoane fala del en Galicia Emigrante, fala dos dous grandes cineastas galegos, Carlos Velo e el. É un cine innovador, vangardista, que ve a realidade galega dun xeito distinto. E eu espero que algún día apareza arrombado nunha esquina...

- Pode pasar como co filme 'Galicia 'de Carlos Velo, que apareceu en Rusia... 
- Agardemos. 

- El regresa a Galiza en 1959, aínda ten tempo a facer un traballo relevante, como 'La Mancha'. 
- El tiña idea de percorrer a ruta do Quixote. É unha serie que se vincula con 'Os mariñeiros'. Retrata as persoas con dignidade, párase nas casas. Un saca unha serie de conclusións profundas, non é nada costumista. Son as dúas grandes series que ten. 

- Dicía: “Buscaba o Quixote e só atopaba sanchos”
- El cría que ía atopar outra realidade. Non é que despreciara a figura de Sancho pero atopou moita miseria e iso entristecíao como republicano que era. 

- A partir de aí a súa vida foi a menos, tamén fotograficamente. 
- Fotograficamente vai a menos porque non ten recoñecemento. El era unha persoa profundamente culta. Viaxa por toda Europa para cubrir reportaxes, fai unha segunda viaxe a Xapón, onde coñece a Kurosawa, faille unha entrevista cando está filmando 'Os canallas nunca dormen en paz'. Economicamente non lle ía ben, empeza a desprenderse de cámaras para poder ir vivindo. Fai un primeiro intento de suicidio no Hotel Miño, onde se instalara, pero o 5 de xaneiro consígueo nun hotel da Guarda, onde levaba con el a célebre carta na que pide que o enterren sen ningún rito relixioso e que os seus amigos ao recordalo escoiten o Requiem de Fauré. 

Comentarios