Do 12 ao 16 de setembro

O WOS Festival consolida o seu xiro cara á música electrónica avanzada

No seu programa non abundan os nomes espectáculo e, porén, o WOS é un dos festivais principais de Galiza. Na quinta edición, que comeza esta cuarta feira en Compostela e esténdese ate o domingo 16 de setembro, consolida a súa virada cara á electrónica avanzada e a aposta por transcender o campo anglosaxón.
 

spectrum 2
photo_camera O inglés Peter 'Sonic Boom' Kember, corazón de Spectrum. Foto: WOS Festival.

“Queremos ofrecer unha alternativa cultural e artística que permita ao noso público descubrir e gozar de experiencias únicas en contextos moi especiais e audiencias limitadas”, sinala a organización, a produtora compostelá Work On Sunday. O Teatro Principal, o CGAC, a Fundación SGAE, a Igrexa da Universidade, as salas Capitol e Malatesta ou o Cinema Numax serán os escenarios do encontro.

Entre os artistas de maior percorrido dos contrados polo WOS -que conta con Estrella Galicia como maior patrocinador- atópase Spectrum, o proxecto de Peter 'Sonic Boom' Kember (ex Spacemen 3) sobre o rock repetitivo e electrónica analóxica. Actuará na medianoite da quinta feira na Fundación SGAE. O sábado ás sete na Fundación Granell, a exipcia Nadah El Shazly ofrecerá a súa singular proposta, unha das máis sentidas na escena independente do Cairo: certo jazz, experimentalismo electrónico e rastro folk a partir do maqam árabe. O dub noise de The Bug -alcume de Kevin Martin, hiperactivo músico inglés- porá o ramo esa mesma noite na Capitol.

Nas sesións de música dance -as madrugadas de sexta feira e sábado na Sala Malatesta- estará a estadounidense Laurel Halo, unha das músicas de maior relevo nas escenas electrónicas recentes. A cota galega cubrirana propostas como o jazz de Sumrrá, o panafricanismo lusófilo da picadiscos Russinha ou as paisaxes sonoras e o ruidismo de Death Whistle.

Entre as actividades paralelas dun festival en que haberá 39 eventos hai cinema -en Numax proxectaranse Milford Graves Full Mantis, O ruído son as casas sobre a escena experimental arxentina, e The Public Image is Rotten- ou mesas redondas -sobre novos medios, políticas culturais ou sustentabilidade dos festivais. Os participantes na quinta edición do WOS proceden de Sri Lanka, Xapón, Hungría, Serbia, Brasil, Galiza, Estados Unidos ou Exipcio.

Comentarios