As webseries 'Mataría' e 'Pringadas' triunfan no Carballo Interplay

O Carballo Interplay consolídase como "cita de referencia para o sector dixital global" e baixa o pano cunha completa panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional e coa maioría das actividades xa dispoñíbeis na rede de forma gratuíta para consulta.
Os creadores de 'Mataría', Pedro Brandariz e Javier Seoane, durante a entrega de premios no Interplay (Foto: Leo López / Carballo Interplay).
photo_camera Os creadores de 'Mataría', Pedro Brandariz e Javier Seoane, durante a entrega de premios no Interplay (Foto: Leo López / Carballo Interplay).

O festival de contidos dixitais máis importante do Estado, o Carballo Interplay, consolidouse como cita de referencia para o sector dixital global, que cada ano achega, desde a vila de Carballo, "unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional, cunha completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e cun programa de actividades" variado. Unha intensa e coidada programación que fai do Interplay un espazo no que abrollan "talento e creatividade" ao carón da "liberdade, a transgresión, a disidencia e a loita polo futuro", tal e como afirman desde a organización do evento. 

Coa edición acabada de fechar, o festival estreou onte o vídeo resumo, coa maioría das actividades dispoñíbeis en Youtube, de acceso libre e gratuíto a través da ligazón i.gal/streamings-cip. O oitavo encontro Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se realizou desde a pasada cuarta feira en Carballo e na rede, a través de streaming, baixou o pano coa gala de entrega de premios ás mellores series para web na que triunfaron a revisión posmillennial do costumismo castizo en chave de humor La Reina del pueblo e o humor repugnante servido en cómodas doses de Mataría.

O xurado, composto por David Pareja, Henar Álvarez, Fer Epelde, Sara Varela e David Fidalgo outorgoulle a La reina del pueblo os premios a Mellor serie estatal, dotado con 800 euros e trofeo, e mellor guión, para Raúl Navarro, dotado con 200 euros e trofeo. Mentres que o galardón de Mellor serie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, foi para Mataría, unha idea dos creadores Javier Seoane e Pedro Brandariz, que tamén recibiu o premio do público. 

'Mataría' deu a sorpresa

Desde o humor, e en algo menos de 4 minutos, a webserie Mataría fíxose cun dos galardóns máis prezados, o do público. "Que o público teña ese cariño por nós é de agradecer", conta para Nós Diario Javier Seoane. "A verdade é que temos un público fiel que cada vez é máis amplo", engade. "Levamos 50 capítulos de serie e xa hai xente que nos propón ideas de como 'mataría', e iso é algo que nos fascina moitísimo", afirma o director, porque permite tamén realizar "cada vez capítulos máis elaborados". 

“Que lle farías ti a esas persoas 'repugnantiñas' que che fan a vida imposíbel? Eu... mataría”, eis o concepto chave: O personaxe central da webserie “asasina” das maneiras máis insospeitadas a todas esas persoas que nos alporizan no día a día.

Até o de agora en Mataría contaron coa colaboración de cómicos e actores coñecidos como Carolina Iglesias (Percebes y Grelos), Rober Bodegas, Itziar Castro, Xosé Antonio Touriñán, Marcos Pereiro, Camila Bossa, Marta Doviro, Patricia Vázquez, Federico Pérez, María Vázquez, Sabela Arán, Pepo Suevos ou Monti Castiñeiras, entre outros moitos. "En cada capítulo hai un actor diferente que é 'asasinado' e Pedro fai un traballo espectacular, é un grande actor e cómico". De entre eses protagonistas efémeros, destacan a participación da actriz Itziar Castro, cunha creación de guión e rodaxe "express": Coincidiron con Castro nun evento, Brandariz propúxolle o proxecto, aceptou e, nesa mesma noite, "escribimos o guión para, ao día seguinte, gravar o capítulo". 

'Pringadas': o mellor proxecto webserie en galego

Reunido en Carballo o xurado composto por Lucía Estévez, Javi Camino, Andrea Villa e Xosé Regueira decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3.000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Pringadas, de creadora Belén Puime, pola "necesidade de contidos en galego enfocados á xeración Z, por afondar e conectar coa súa realidade e pola liberdade dunha proposta que foxe dos estereotipos". A serie, como é habitual no certame, estrearase na próxima edición do Carballo Interplay.

Os obxectivos desta edición foron, para Sonia Méndez, directora do festival, alcanzados. Procurábase trasladarlle á sociedade "todo o que hai que saber sobre a Internet galega e en galego, ofrecer unha ollada dos contidos e formatos que lles interesan ás xeracións Z e centennial, explicar que están facendo as canles públicas da Galiza e Portugal para achegarse a ese público máis novo e reflexionar sobre como podemos posicionarnos como activistas na rede".

Comentarios