O de Carballo será o primeiro festival dedicado ás webseries de todo o Estado. Durante catro días, do 24 ao 27 o I Festival Carballo InterPlay, proxectará as 35 webseries que participan na súa sección oficial, unha selección das 104 que se presentaron a concurso.
O festival abrirá tamén o Fórum Carballo para actividades paralelas, unha variada proposta que incluirá desde unha mesa redonda coordinada por María Yáñez, unha masterclass, dúas sesións vermú con djs ou a presenza de Xosé Touriñán compartindo as súas experiencias no sector audiovisual.
Carballo será non só sede do Festival senón tamén escenario e espazo de estrea da webserie “Toñito, ti es especial”, que se realizou no marco do obradoiro que se desenvolveu nas fins de semana de marzo coa participación de vinte mozos e mozas e a coordinación de Javi Camino, de Magnetova Material.
Espazo de debate e comunicación
O alcalde, Evencio Ferreiro, destacou o impacto que está a ter o festival e o acerto que para Carballo é a súa promoción mentres o Concelleiro de Promoción Económica, Xose Regueira, defendeu que o sector audiovisual é "é un sector económico máis que hai que ter en conta e que a xente do audiovisual é imprescindible para Galicia", sinalou, arredor dun ámbito que está a demandar maior apoio institucional, como quedou á vista nos premios recentemente entregados da Academia Galega do Audiovisual.
O Festival foi presentado en roda de prensa coa presenza do alcalde, Evencio Ferreiro ademais do equipo que organiza o encontro, a directora Sonia Méndez, a coordinadora de actividades, Sandra Lesta e a coordinadora do Código Fonte e responsábel de redes do Festival, María Yáñez.
A directora destacou que o InterPlay non ten como obxectivo premiar as mellores series senón "crear un espazo de debate e comunicación" ademais de "dar a coñecer as webseries ao público" ao tempo que compartiu o apoio recibido polo mundo do audiovisual á iniciativa nacida en Carballo.
Alén das proxeccións de webseries, o Festival ofrecerá actividades paralelas como o Código Fonte Audiovisual con Xosé Touriñán; dous concertos o venres 25 de abril na sala Dublín con grupos carballeses e o sábado 26 con Unicornibot e Calixta; a Master Class: Branded content o sábado 26 de abril ou a Mesa Redonda: novas narrativas audiovisuais na web o venres 25 de abril ou mesmo un encontro con directoras e directoras de webseries alén da estrea da webserie “Malviviendo”, de Teresa Segura e David Saínz, madriña e padriño do festival.
Para María Yáñez, as actividades paralelas contribúen tamén a “afondar no novo espazo que supón Internet dentro do mundo audiovisual", e nos cambios que supón a rede para o sector.
O Festival outorgara tamén premios en distintas categorías cunha dotación total de 5.200 euros e unha obra do artista plástico David Méndez. Mellor webserie, mellor actriz e actor, mellor guión e Premio do Público son modalidades do novo Carballo InterPlay.
O programa completo e demais información está o dispor na web do festival.