“O Voo das bolboretas” contra a violencia de xénero

Mulleres e nenas e nenos de Coronel Suárez (Bos Aires) en comunicación con Lugo na acción “O Voo das bolboretas”, unha iniciativa deseñada pola artista Luz Darriba contra a violencia de xénero. 

Voo das Bolboretas
photo_camera Voo das Bolboretas

Encontro entre Arxentina e Galiza contra a violencia de xénero. A acción “O Voo das bolboretas”, unha iniciativa da artista Luz Darriba, intégrase no proxecto “Culturas en Diálogo” que desenvolve a Rede Museística da Deputación de Lugo. Esta sexta feira, de maneira interactiva, ten lugar o encontro de mulleres, nenos e nenas de Coronel Suárez (provincia de Bos Aires) que preparan a acción “O Voo das bolboretas” e a comunidade da Rede Museística de Lugo co fin de intercambiar experiencias arredor desta acción. Tanto en Lugo como en Arxentina construíronse bolboretas como metáfora contra a violencia machista e neste encontro con milleiros de quilómetros de distancia reflexionarase sobre as posibilidades da arte tanto á hora de concienciar á sociedade como contribuír á “fortaleza e o ánimo das vítimas de violencia para saír do maltrato”. 

Creada pola artista Luz Darriba, “O Voo das Bolboretas” conseguiu a participación dun amplo grupo de persoas na Arxentina que produciron milleiros de bolboretas. A creadora ideou unha réplica en Lugo coa colaboración de asociacións locais, participantes de actividades dos Museos e persoas que a título particular se sumaron á iniciativa. A acción entra no programa da Rede Museística “Plántalle cara ao maltrato”. As bolboretas son escollidas na acción como símbolo porque ese era o nome coa que se coñecían a Patria, Minerva e María Teresa, as irmás Mirabal asasinadas en 1960.  A iniciativa inclúe a inauguración dun monumento estábel na memoria das tres mulleres e para denunciar a violencia machista. 

Comentarios