Von Hafe deixará a dirección do CGAC a fins de ano

O vindeiro mes de decembro, Miguel Von Hafe abandonará a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Von Hafe comunicoulle ao padroado a súa decisión na xuntanza desta segunda feira. 

Von Hafe
photo_camera Von Hafe

A renuncia de Miguel von Hafe ao cargo de director do CGAC ao que chegou en 2009 responde, segundo anunciou, a unha decisión persoal e, alén de agradecer o traballo ao equipo do centro e artistas, mostra o seu desexo a que o seu cargo sexa cuberto cun concurso aberto e internacional. 

Miguel von Hafe substituíu no cargo a Manuel Olveira, director agora do Musac de León que fora destituído ao chegar o PP ao goberno da Xunta. Responsábeis do departamento de cultura da xunta de Castela-León, do mesmo partido, foron os que nomearon a Olveira para capitanear o centro punteiro de arte contemporánea da comunidade, logo da polémica saída da súa anterior directora. 

Miguel von Hafe chegou ao CGAC despois dun proceso de selección no que participaron o director do MARCO de Vigo, o catedrático de Estética na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, a directora do centro LABoral de Xixón, o responsable da Fundação Serralves de Porto, a conservadora xefe do MUSAC de Barcelona ademais da directora da feira ARCO presidido por Manuel Borja-Villel, director do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía. 

O portugués Von Hafe traballara xa na Galiza comisariando dúas bienais en Pontevedra ou impartindo aulas na Universidade de Santiago. Na súa traxectoria destacaba a coordinación da área de artes plásticas cando a cidade de Porto foi Capital Europea da Cultura. 

Desde os ámbitos próximos ao Centro, sempre se sospeitou que Von Hafe abandonaría a dirección xa que cada vez era menor o tempo que pasaba en Compostela. 

Comentarios