Volverán á Galiza os torques de Cospeito?

Os torques de Cospeito son cinco pezas de ouro de entre os séculos II e I Antes de Cristo. Desde os anos 70 do século pasado, forman parte da colección do Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid. Son unha mostra do patrimonio espoliado que espera volver para Galiza a canda outras moitas pezas prehistóricas.
torque cospeito espolio arqueoloxía prehistoria
photo_camera Un dos cinco torques de Cospeito (Lugo) que atesoura o Museo Arqueolóxico Nacional (Ángel Martínez Levas).

"O patrimonio arqueolóxico espoliado é moi abundante. Hai unha cantidade inxente de pezas prehistóricas e da época romana espalladas polo resto do Estado, máis tamén por fóra. Algunhas consérvanse desde hai anos en Alemaña e no Reino Unido".

Quen fala é o historiador Xabier Moure, integrante do colectivo Patrimonio dos Ancares, un dos grandes coñecedores do patrimonio arqueolóxico extraviado da Galiza. Gran parte está documentado, di, e outra, simplemente, desapareceu.

"A finais do século XIX e ao longo do século XX, as pezas que se foron atopando en castros e dolmens correron unha sorte dispar. Moitas permanecen ocultas malia se coñecer o sitio exacto do seu achado. Outras foron parar a mans de particulares ou a museos, non sempre galegos", asegura a Nós Diario.

Furtivos e paisanos

A maior parte desas pezas viron a luz grazas á xente dos lugares, que escavaban os castros e as antas, mais tamén aos furtivos. "Están documentados desde o ano 1609, cando o rei Filipe III lle concedeu ao crego Vázquez de Orxas, fidalgo do Couto de Recimil de Parga (Guitiriz), un permiso real que o autorizaba a buscar tesouros nas mámoas a cambio de que unha parte revertera na coroa".

En vistas daquela concesión, os paisanos iniciaron as súas propias buscas nas medorras. "Tesouros non se atoparon, pero destruíronse, tal como figura na denuncia que o crego fixo ante a Real Audiencia, máis de 3.000 enterramentos megalíticos, unha cifra que dá boa conta do espolio que se veu producindo desde entón”, engade Xabier Moure.

O patrimonio galego en mans alleas

As pezas foron mudando de mans. A necesidade económica motivou moitas vendas, a mecenas e mercadores. Máis tamén eran frecuentes as fundicións de torques e arracadas de ouro ou de prata para intercambiar os metais por outros bens.

"Moitos particulares conservan pezas de ouro, machados do neolítico, armas, muíños… dos que non se queren desfacer. A estas hai que sumar outras que tamén é tempo de reclamar. A Xunta ten coñecemento e competencias para poñerse en contacto coas institucións públicas e cos herdeiros de moitos mecenas para procurar unha recuperación amigábel" que devolva aos museos galegos o seu patrimonio, defende Moure.

Os torques de Cospeito

É o caso dos cinco torques de  ouro de Guitiriz, que se conservan no Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid, "vendidos por Manuel Lousa por 1.900.000 pesetas despois de moitas peripecias aló polos anos 70", di Moure. Alí están tamén, o torque do Castro de Flores (Aranga), o de Montoxo (Cedeira), o de Ribadeo...

Volverán? Hai predecentes doutras obras retornadas, explica. En 2014, a Deputación Provincial de Lugo mercou aos herdeiros de Gil Varela parte da súa colección, entre outros, varias pezas de ourivaría que agora se expoñen no Museo Provincial de Lugo, como o famoso torque de Burela ou o carneiro alado de Ribadeo.

Comentarios