Cultura

"Volver á roga": a receita do tradicional contra a COVID-19 pasa por tecer sector

A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s está a impulsar a redacción dun texto con medidas específicas para facer fronte á crise derivada da emerxencia sanitaria desde o sector da música e o baile tradicional. Isto leva a pór o foco nas necesidades do asociacionismo como alicerce fundamental deste patrimonio.
Todas as actividades das asociacións ficaron suspendidas.
photo_camera Todas as actividades das asociacións ficaron suspendidas.

A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s está a traballar na elaboración dun documento conxunto para reclamar medidas específicas para a música e o baile tradicionais. A especificidade do sector, segundo nos explica o presidente do colectivo, Xaneco Tubío, está marcada pola falta de profesionalización dunha boa parte das persoas que o compoñen: músicas, artesás de instrumentos e traxes, mestras... Así, por exemplo, moito profesorado atópase nunha situación de traballo non regulado, se ben apunta Tubío que se ten mellorado moito no laboral nos últimos anos, avanzando no réxime autónomo. Mais o equilibrio é delicado e a situación de crise ameza con debilitar o camiño andado.

Con este contexto, fronte a outros sectores que xa presentaron as súas demandas á Administración, consideraban que as asociacións culturais do país, coas súas particularidades, non se atopaban representadas. A música e o baile tradicionais atopan un soporte moi forte nestas entidades, que xogan un papel fundamental "no armazón socioeconómico do sector cultural galego" e na "conservación e transmisión do patrimonio cultural inmaterial".

A parálise da actividade presencial das asociacións supón "unha cadea", explica Tubío, que afecta duns elos a outros: "se non hai aulas non se venden instrumentos".

Tendo isto en conta, a parálise da súa actividade presencial supón "unha cadea", explica Tubío, que afecta duns elos a outros: "se non hai aulas non se venden instrumentos". Aliás, outras actividades remuneradas (concertos e espectáculos contratados por entidades públicas e privadas) coas que as asociacións completan os seus fondos, destinados a cubrir gastos fixos e salarios de mestras, tamén están canceladas ou adiadas. Esta falta de ingresos provocou que gran parte das entidades cancelase os salarios do profesorado, o que incorre nunha situación de desamparo na que as docentes non poden manter a súa actividade económica a nivel particular.

O balance da AGG estima que isto implica unha parada moi considerábel que "dificilmente poderá recuperar a súa normalidade sen axuda da Administración e de toda a sociedade galega", nun eido que ademais representa "un motor indispensábel sen o cal o sector profesionalizado da cultura sería moito menor".

Da diagnose á acción

O documento preliminar elaborado pola AGG propón a toma de medidas en dúas fases, a primeira das cales se centra na diagnose, que pasa por actualizar o Libro  branco do ensino na música tradicional en Galiza (2006), un texto que recolle datos do profesorado dedicado ao baile e música tradicionais. Consideran que debe incidirse no apartado económico (ingresos, réxime de traballo) e incluír datos sobre eventos organizados, así como do mercado da artesanía relacionado con este sector, que na edición previa da publicación non se incluían. Ao tempo, cumpriría "computar as perdas causadas no armazón de asociacións".

O coñecemento da realidade baseado en datos levaría a medidas concretas, encamiñadas a "botar un cable ás asociacións para que ao volver á normalidade non tiren a toalla", di Tubío. Adaptarse ás novas condicións dificultará o desenvolvemento de aulas e é previsíbel que descenda, por exemplo, o número de alumnado, considerando ao tempo a perda de capacidade adquisitiva.

Neste panorama, o máis urxente sería habilitar axudas económicas que sufraguen as perdas producidas. Porén, tamén se contempla a pertinencia de crear un plan de subvencións para a promoción da contratación de profesorado que permita a regularización da situación laboral, así como de axudas para manter e aumentar os eventos artísticos e formativos.

O artesán entende precisamente como unha das grandes eivas do campo a atomización das distintas entidades, a causa do descomunal traballo que representa o cotiá de xestionar unha asociación

Doutra banda, a AGG chaman a atención sobre outras cuestións como a constitución dun Observatorio do Baile e a Música Tradicional Galega, que permita coñecer a repercusión do sector no conxunto do tecido cultural e económico, ou o fomento da investigación, catalogación e divulgación do patrimonio inmaterial dentro de conservatorios, universidades e outras institucións públicas ou privadas. Demandas que semellan non tanto froito da crise, senón do propio abandono do eido tradicional por parte da Administración.

O remedio na tradición

Aínda que a AGG promove este documento, trátase dun texto aberto, para o que xa recibiron adhesións e mantiveron reunión con outros colectivos. "Queremos que todo o asociacionismo se achegue e presentarnos como un sector", di Tubío. O artesán entende precisamente como unha das grandes eivas do campo a atomización das distintas entidades, a causa do descomunal traballo que representa o cotiá de xestionar unha asociación.

Fronte a iso e á situación crítica que a todas luces se aveciña, a propia cultura tradicional ten a solución: cómpre "volver á roga", sinala Tubío, "ao colectivo, iso vainos axudar a cada un de nós".

Comentarios