Volver ao irreverente ilustrador Tomi Ungerer

A proxección do documental “A historia de Tomi Ungerer” a 3 de outubro para adultos e unha sesión de contacontos o 10 para crianzas na libraría de Vigo “Libros para soñar” descobre o universo do irreverente ilustrador da man de Kalandraka. 

Ungerer
photo_camera Ungerer

Con Adelaida e Onde está o meu zapato? a editorial Kalandraka sumaba dous títulos máis do creador Tomi Ungerer aos xa publicados Crictor e Os tres bandidos, a súa obra máis coñecida. Provocador, iconoclasta, rebelde, o perfil de Tomi Ungere é irreverente mesmo co modelo que se agarda para un autor de libros para crianzas. 

O seu é un dos nomes máis recoñecidos da ilustración contemporánea, con museo aberto en Estrasburgo dedicado a súa obra, grandes exposicións -entre elas unha histórica en Berlín-, un documental sobre a súa figura e máis de 120 títulos publicados. A editorial Kalandraka trouxo para o galego catro deles, a comezar por Crictor, a historia dunha serpe que é mascota, Os tres bandidos, foraxidos que metían medo aos viaxeiros mais eran tenros cunha nena orfa ; Adelaida, o relato sobre a cangura con alas que voa e busca a felicidade e Onde está o meu zapato? para xogar a atopar un obxecto e promover a agudeza visual. 

Mestre de Sendak

Que Maurice Sendak, o xenial creador de Onde habitan os monstros, tivera a Tomi Ungerer como mestre explícase ben á vista dunha filosofía que compartían. Fóra osiños rosas, fóra contos de fadas, fóra príncipes valentes e relatos edulcorados.Tomi Ungerer, aquel neno da Alsacia que era un fracaso no colexio e un xenio cando saía pola porta, sabía que se de algunha cor se pintaba a vida non era de rosa e foi esa a idea que traspasou aos seus libros. 

 

Ungerer naceu en 1932 en Alsacia nunha familia na que tanto nai como pai tiñan a escrita como afección e un mundo singular que traspasaron ao pequeno. Con só catro anos sufriu a morte do pai, un fabricante de reloxios inmensos, algúns para catedrais, e tamén ilustrador, bibliófilo e inventor. Coa nai comparte os duros anos da ocupación alemá e dese tempo quédalle para sempre o rexeitamento do fascismo e a violencia. Tamén o medo que viviu intensamente e que el dicía que o fixera valente para sempre. 

Os pensamentos son libres 

Con 83 anos, Ungerer xa non fai ilustración, prefire escribir e dedicarse a labores filantrópicos logo dunha vida na que recorreu boa parte do mundo, viaxando por unha banda, e residindo en Nova York, en Canadá, onde se instalou nunha granxa para ser autosuficiente, ou en Irlanda. Na súa axitada vida calcúlase que a súa produción creativa anda por volta de 30.000 ou 40.000 traballos ademais dos 120 libros e a súa sinatura expandiuse en carteis, proxectos publicitarios ou ilustracións en prestixiosas revistas e xornais. 

Non é habitual que un autor de libros para crianzas sexa tamén prestixioso creador de obra erótica. Pois no caso de Ungerer acontece, con esa vontade que el tiña de achegarse á vida tal e como é, non vestida de fantasía waltdisneynián. Subversivo desde neno, a polémica e o escándalo non quedou á marxe da súa traxectoria e, de feito, estivo prohibido durante tempo nos Estados Unidos e mesmo algún dos seus libros chegou a ser especialmente criticado. Mais, como titulou o seu libro de memorias, Ungerer sempre quixo seguir a máxima de que os pensamentos son libres”. A hipocresía tampouco viaxaba na súa maleta. 

Desde que publica Os Melops lánzanse a voar, o seu primeiro libro infantil que acadou premios e foi aplaudido pola crítica mais que o autor prefería esquecer, o seu traballo para o público de menor idade revolucionou o mundo do álbum infantil e converteuse nun referente de grandes autores como é o caso de Sendak quen nunca aforrou palabras de admiración para a súa obra. Ungerer gañou o Premio Hans Christian Andersen, e é un dos máis prestixiosos autores do mundo mais, mesmo así, como acontece agora cos títulos que publica Kalandraka, a súa obra edítase de novo, visita novas linguas e continúa descubríndose, malia o autor ter xa máis de oitenta anos e algúns dos seus libros máis de cincuenta. 

Comentarios