Volven en xuño os Roteiros Literarios da Deputación e a AELG

Autoras e autores exercerán de guías este mes.
Anna R.. Figueiredo, escritora (Foto: Nós Diario).
photo_camera Anna R.. Figueiredo, escritora (Foto: Nós Diario).

Volven os Roteiros Literarios organizados pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para dar a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores galegos, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas que se ambientan en diversos espazos da súa xeografía. 

Nesta sexta edición serán cinco os roteiros, que se realizarán durante as fins de semana do mes de xuño e que se espallarán polos concellos de Vigo, Moaña, Vilagarcía, Pontevedra e Lalín.

Terán un total de 125 prazas (25 cada un deles) e as inscricións realízanse a través do portal web da Deputación. 

Os itinerarios comezarán o 3 de xuño en Vigo, co roteiro guiado pola xornalista, política e escritora María Xosé Porteiro, que dará a coñecer ás persoas participantes as orixes da actual parroquia de Lavadores.

Ao día seguinte, 4 de xuño, decorrerá a ruta Aconteceu en Moaña da man da escritora Anna R. Figueiredo na que, partindo do Auditorio Celso Parada, revisaranse espazos da vila protagonistas de pezas de ficción.

O domingo 11 de xuño terá lugar o Roteiro Literario Vilagarcián, co autor e pintor Xurxo Alonso, no que se visitarán espazos como o do Colexio León XIII e a coñecida Imprenta Celta.

O día 18 o programa estará en Pontevedra co escritor Adolfo Caamaño que guiará a ruta O espazo urbano pontevedrés como materia literaria. 

O programa da AELG finalizará o 25 de xuño cun Roteiro histórico-literario por Lalín guiado polo investigador Xoán Carlos García Porral.

Comentarios