Volven as foliadas á Coruña

Tres asociacións coruñesas -Xacarandaina, Donaire e Son D'aquí- andan a argallar un proxecto de dinamización do folclore na cidade. Organizan o día 26 unha primeira gran foliada. 

xacarandaina
photo_camera Imaxe de Xacarandaina

O proxecto chámase Ardelloeixo e nace coa finalidade de promover actividades relacionadas coa música e o baile tradicionais na cidade da Coruña. Xurde pola necesidade de dar visibilidade á cultura tradicional, normalizala e naturalizala entre a cidadanía coruñesa e coa motivación de facer da cidade un referente no apoio e na difusión do baile e música de Galiza. 

“Queremos crear rede entre os grupos que hai na comarca e atopar lugares onde poidamos xuntarnos, tocar e bailar”, conta Antonio Prado, da asociación Donaire, un dos coordinadores do proxecto, que tamén apoia o Concello da Coruña.

Como pistoletazo de saída organizan para o vindeiro sábado 26 unha grande foliada, aberta a calquera persoa, na que participarán uns quince grupos. Será no Campo da Leña desde as 20 horas. A partir de entón haberá foliadas por barrios cada tres semanas e cada trimestre unha grande. 

Un dos obxectivos prácticos do proxecto é conseguir máis locais onde poder celebrar estes encontros. Na Coruña hai algúns establecementos que programan foliadas, como A Repichoca ou A Cova Céltica, pero “contan con pouco espazo para bailar”, lamenta Prado. “Logo de catro anos nos que o folclore estivo desaparecido da cidade, queremos que volva e que non te miren mal por ir vestido co traxe tradicional”. 

Comentarios