Volve o 'trad' ás festas de María Pita coa Romaría de Santa Margarida

As bandas coruñesas Tiruleque e Xosé Lois Romero & Aliboria encabezan a gran festa da música tradicional da Coruña, que actuarán o sábado 28 na Romaría de Santa Margarida nun concerto que porá o colofón ás Festas de María Pita. 

Premios La Opinion
photo_camera Xosé Lois Romero & Aliboria

A música tradicional e o folc tomarán a cidade da Coruña esta fin de semana do 27 e 28 de agosto coa programación da Romaría de Santa Margarida, que nesta edición reformula o seu concepto para ser unha verdadeira celebración do folclore e na que se contará, ademais, coa participación de dous grupos coruñeses de referencia no panorama musical galego: Tiruleque e Xosé Lois Romero&Aliboria. Ambas as dúas formacións actuarán este sábado 27 de agosto no parque de Santa Margarida, nun concerto que principiará ás 20.00 horas e no que tamén participarán as formacións Os d'Abaixo e Pesdelán. 

O conxunto destas actuacións englóbanse no programa da Romaría de Santa Margarida, que este ano se converte no gran colofón ás Festas de María Pita e reformula a súa natureza, ao se celebrar en conexión coas agrupacións cidadáns que participan desde decembro de 2015 nas foliadas de Ardelloeixo, proxecto de dinamización da cultura tradicional promovida polo Concello da Coruña. 

Deste xeito, a Romaría de Santa Margarida amplíase este ano ao conxunto de fin de semana, centrándose a xornada sábado na programación, que consiste en -ademais dos concertos nocturnos- na organización de actividades en catro prazas temáticas, dedicadas ao baile (Praza de Vigo), á música (Xardíns de Méndez Núñez), aos faladoiros (Praza de Galicia) e ao público infantil (Praza de Lugo).

Comentarios