Decorrerá en Pontevedra entre o 5 e o 9 de abril, presencial e en liña

Volve a Semana Galega da Filosofía e retoma o debate 'a civilización dixital'

Entre o 5 e o 9 de abril, o Teatro Principal de Pontevedra, acolle os encontros presenciais e que tamén se transmitirán en liña da XXXVII Semana Galega da Filosofía. Un evento que tivo que ser cancelado en 2020 por mor da pandemia e que agora recupera a súa temática, a "civilización dixital".
filosofia2
photo_camera No centro, Alexandre Cendón e Miguel Anxo Fernández Lores. (Foto: Nós Diario)

A Semana Galega da Filosofía vai decorrer na cidade de Pontevedra entre os días 5 e 9 de abril e debaterá arredor do tema a “civilización dixital". Trátase da trixésimo sétima (XXXVII) edición e retoma a temática coa que se anunciara en 2020 e que finalmente non puido realizarse por mor da pandemia da Covid-19 e o confinamento a que deu lugar.

A presentación do evento tivo lugar esta cuarta feira da man do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e mais do novo presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón. Ambos explicaron que se prevé a habilitación da participación semipresencial, se a situación sanitaria o permite, mais tamén está preparada a organización para que a Semana da Filosofía decorra integramente en liña. 

Este ano o encontro filosófico terá lugar “de todas todas”, nas palabras do propio Fernández Lores, que expresou na presentación a súa “satisfacción” porque volva decorrer o evento xa que “a Semana Galega da Filosofía sitúa a cidade de Pontevedra como líder do pensamento durante unha semana”.

Neste sentido, agradeceu o traballo dos membros da directiva da Aula Castelao "porque fan un esforzo inmenso para ter unha semana de debate e con visións múltiples sobre o tema escollido para reflexionar".

No que se refire á temática desta XXXVII edición, o presidente da Aula Castelao sinalou que “a civilización dixital é un tema de plena vixencia tras a aparición da pandemia”. Alexandre Cendón indicou que “todo o referente ao mundo dixital tomou impulso, en cuestións de teletraballo e de comunicacións a distancia e todo o que iso leva consigo”.

Cendón quixo explicar tamén que, aínda que se recortou o programa, mantívose a idea de invitar unha serie de relatores "que van axudar a reflexionar e a pór un pouco de luz sobre este mundo e sobre como estamos a reaccionar, e a tratalo desde diferentes ámbitos". Neste sentido indicou que se eliminaron as conferencias da última hora e se priorizou a presenza de conferenciantes do ámbito galego.

Desde a Aula Castelao comunicouse que o programa da Semana da Filosofía se fará público nos vindeiros días, e adiantouse que a charla inaugural correrá a cargo do profesor de Economía da Universidade de Vigo Albino Prada, e versará sobre a relación do mundo dixital co capitalismo e co neoliberalismo.

Na mesma xornada falarase de civilización dixital, o medio ambiente, consumo enerxético e co impacto que a sociedade traslada ao territorio e ao país.

Comentarios