Volve o Poemagosto de Allariz con Sés e moita poesía

Este domingo 11 de outubro celébrase a segunda edición do Poemagosto, o Festival da Poesía de Allariz que nos trae versos, músicas e moito máis. 

Sés
photo_camera Sés

Este festival xunta poesía e magosto nunha xornada na que haberá recital poético, actividades para nenos, música, presentacións de poemarios, produtos da terra, arte e artesanía...

Todo comezará coas pandereteiras Escachaferreñas ás 11.30 e continuará coa presentación do número 4 da revista poética “euOnça” a cargo do seu editor, Wladimir Vaz. Logo haberá maxia e presentarase o poemario “As marxes do tempo” de Antom Laia, quen dará paso ao contacontos 'Manda castaña!'. Antes do xantar Carlos Callón falará sobre a súa última obra, “Atravesar o fantasma”.

Xa pola tarde terá lugar o recital de poesía no que as e os poetas citados son: Eli Ríos,   Antom Laia, Teresa Ramiro, Lorena Rei, Carlos Callón, Alfredo Ferreiro, Noelia Gómez, Virgínia do Carmo, João Madureira e  Wladimir Vaz. O poemagosto rematará ás 19.30h cun concerto de Sés na carpa a carón do Festival Internacional de Xardíns. 

As actividades matinais e o recital de poesía celebraranse na Praza de Abaixo (en caso de choiva, na Praza de Abastos) e o xantar na Fundación Vicente Risco. 

Comentarios