luns 01/03/21
Xerais reedita 'O retorno dos homes mariños' 20 anos despois

Volve a novela coa que Xurxo Souto "inventou o mar" para a súa xeración

Xa está nas librarías a reedición da primeira novela do escritor e músico coruñés Xurxo Souto, O retorno dos homes mariños, publicada por primeira vez en 1999.
Foto do autor, recortada. Fotografía de Sofía de Labañou
Xurxo Souto, músico e autor de 'O retorno dos homes mariños'. (Foto: Nós Diario)

Edicións Xerais reedita O retorno dos homes mariños, do escritor e músico Xurxo Souto.

“Para min é unha celebración e unha emoción importante porque esa noveliña foi a primeira que escribín hai 20 anos”, conta o autor.

E agora volve tal e como foi pois para Souto é “importante manter ese toque de época, o documento de como era A Coruña de hai 20 anos, que mudou moito”, puntualiza.

A novela conta a vida de dúas personaxes, Mercedes, unha moza heavy que ten que traballar nun taller téxtil do Orzán para Inditex, “que agora leva- ron para Marrocos”; e outro rapaz, Eco, que fixo FP (Formación Profesional) porque quería ser antenista, “e chegou o tempo da televisión por cabo”, re- calca o escritor.

No que si hai mudanza é na cuberta, que agora deseña o ilustrador Javi Prieto co retrato da protagonista, Mercedes, que tamén será o centro doutra novela de Xurxo Souto, A gran travesía de Chiruca Magallás.

Coa perspectiva das dúas décadas, a novela ten para o seu autor un novo valor. “Creo que é moi importante que alí apareceu a inquedanza da miña xeración, que non estaba formulada, eramos rapazada da cidade, cidades-barco, mais os nosos pais eran da aldea...

Somos da Coruña pero ninguén nos falou do mar a pesar de que nos chame na madrugada, ‘o Orzán’ ou ‘o Berbés’”. A procura do mar fíxoa Xurxo Souto non só neste O retorno dos homes mariños, nin n’A gran travesía de Chiruca Magallás, senón tamén cos Diplomáticos no disco Capetón, nos programas de radio.

Mais, “esta novela foi a miña propia invención do mar”, explica evocando Xenaro Fariñas del Valle e o seu poema épico A invención do mar.

Das presentacións máis alá do tempo da pandemia

O autor de O retorno dos homes mariños ten plans de cara a cando recuperemos a mobilidade. "Presentacións in itinere polas inmediacións da Torre de Hércules, por exemplo", relata.

E tamén na ruta Vigo-A Coruña, "A Coruña e Vigo son a mesma cidade desde a perspectiva do mar e estamos incomunicados por terra, pola AP-9, como pode ser que o fluxo de comunicación máis importante do país sexa un negocio privado", reivindica Xurxo Souto.

"Edúcannos como terrícolas", di o escritor, "pero a xente nova ten fame de mar".

E tamén Lisboa será obxec- tivo da presentación desta reedición, pois alí está a capela de "Santo Amaro dos galegos".

"Un santo, que non existe, pois non está no santoral senón que é de culto popular e con tanta presenza na Coruña".

comentarios