Volve a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia máis "diversa e paritaria"

A 36ª edición da MIT desenvolverase entre os días 17 e 27 de xullo
O dramaturgo Roberto Pascual é o director do MIT de Ribadavia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O dramaturgo Roberto Pascual é o director do MIT de Ribadavia. (Foto: Nós Diario)

A Alameda de Ribadavia, fronte ao Castelo dos Sarmiento, foi o lugar escollido pola organización para presentar a trixésimo sexta edición da histórica Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT).

O certame, que se desenvolverá entre os días 17 e 27 do vindeiro mes de xullo, acollerá 24 espectáculos diferentes entre representacións, estreas, coproducións, presentacións e obradoiros, todo ao aire libre en lugares como a praza da Igrexa de San Xoán, a Igrexa de Sampaio, a Praza do Cruceiriño de Francelos, San Cristovo ou a praza Maior. 

"Ribadavia enteira está aberta á recuperación cultural e económica, ao turismo sostíbel, á responsabilidade sanitaria e ao compromiso co público e co noso tecido cultural", destacan desde a organización.

Este ano, a MIT desenvolverá a edición "máis contemporánea, diversa e paritaria" da súa historia, presentando espectáculos que van do drama á comedia, pasando por pezas híbridas e mesmo danza, que, como explica Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro, "será a linguaxe empregada para ofrecernos desde a visión da migración por parte da compañía de Kirenia Martínez Acosta até a beleza do ámbito agrícola con Nova Galega de Danza e Rosa Cedrón pasando por pezas non exclusivamente danzadas, como o traballo de Rut Balvís en Liberto, o da coreógrafa Laida Azkona en Tierras del Sud, o de Amaya Galeote en Hoy puede ser mi gran noche".

Incidindo na creación actual, a MIT tamén porá de relevo a forza da dramaturxia contemporánea, con espectáculos que así o demostran e que serven de retrospectiva a nomes aínda pouco coñecidos na Galiza, como Pablo Remón, dobremente presente na MIT 2020, coa versión libre de Doña Rosita, anotada, a partir do texto de Lorca.

Os encontros co público e actividades de mediación seguirán evolucionando na MIT, que nesta ocasión contará coa Revista Galega de Teatro para levar a cabo unha palestra arredor do teatro documento e a presentación do seu número 99, que conta coa edición do texto Resaca, creación colectiva de Il Maquinario, con dramaturxia de Tito Asorey e Ana Carreira.

Finalmente, outra das liñas que de actuación que nesta edición se ve fortalecida é o programa Ruadavia. Todos os días haberá, como mínimo, un espectáculo gratuíto na rúa, con asento preasignado e baixo recollida de convite, tal e como estipula a normativa en materia de prevención sanitaria contra a COVID-19.

Comentarios