DO 15 AO 24 DE XULLO

Volve a MIT de Ribadavia con protagonismo feminino

A Mostra Internacional de Teatro presentou hoxe a programación que ofrecerá unha vintena de espectáculos de cinco países do 15 ao 24 de xullo.

MIT-ribadavia
photo_camera Presentación da 32ª Mostra de Teatro de Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou hoxe a programación da súa trixésima segunda edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo coa participación de 20 compañías procedentes de Lituania, Francia, Arxentina, Chile e diferentes puntos de Galiza e do Estado. Ademais de reforzar a súa dimensión internacional, este ano o encontro concederá un especial protagonismo ás olladas femininas a través dos traballos de actrices como a arxentina Laura Nevole, a madrileña Eva Rufo, a sevillana Carmen Gallardo ou as galegas Mabel Rivera, Belén Constenla e Patricia de Lorenzo. 

A memoria, a violencia, a palabra e a arte son os principais eixos temáticos ou motivos recorrentes a partir dos que a organización da MIT deseñou a súa programación de 2016, na que un dos pratos fortes será a presentación en Galiza do traballo de Oskaras Koršunovas, director do Teatro Municipal de Vilna, en Lituania. Koršunovas dirixe a posta en escena de ‘A gaivota’, de Chejov, espectáculo xurdido a raíz dos laboratorios desenvolvidos tanto no seu espazo como no Colexio de Teatro da Bienal de Venecia. 

Nesta oferta internacional, destaca tamén a mestura de cómic, vídeo e teatro da veterana formación chilena TeatroCinema, dirixida por Juan Carlos Zagal, que chegará a Galiza coa montaxe ‘Historia de amor’.

30 anos de Matarile Teatro

Como en edicións anteriores, a escena galega continuará tendo unha importante presenza nesta carteleira, que este ano concede un especial protagonismo a Matarile Teatro con motivo do seu trixésimo aniversario. A compañía de Ana Vallés e Baltasar Patiño exhibirá en Ribadavia ‘El cuello de la jirafa’, ‘Teatro invisible’ e ‘Antes de la metralla’. Esta última proposta está pensada como un encontro escénico entre diferentes profesionais do panorama artístico estatal, que se concretará nun espectáculo aberto e en evolución para se adaptar aos espazos e festivais nos que se presente trala súa estrea en Ribadavia.
 

Comentarios