Esta é a quinta edición deste evento que nos trae unha proposta máis variada en canto a estilos: do soul máis clásico ao último neo-soul; do rhythm&blues máis frenético ao funk máis mestizo; do gospel máis purista ao groovy máis evolucionado; do rock´n roll máis desenfreado ao blues, o dub, o reggae ou o doo-woop (o de onte e o de hoxe).
Así, o cartel deste ano inclúe a Mike Sánchez & His Band (un dos artistas de rhythm&blues e rock´n roll máis recoñecidos mundialmente); David Hooper&The Silverbacks (o norteamericano xa comparado con estrelas veteranas, emerxidas ao igual ca el na madurez, como Charles Bradley, Lee Fields ou Sharon Jones) e The Gospel Sessions vol. 1 (o último e gran espectáculo de Onno Smit e Paul Willemsen para o que contan coa maxistral voz de Michelle David).
Xunto a eles, estarán dúas das bandas máis consagradas da escena estatal: os cataláns The Velvet Candles (considerada unha das mellores formacións de doo-woop) e Juan Zelada Band (un dos máximos expoñentes do neo-soul, que se estrea no Outono Códax cun espectáculo preparado para o festival). A participación galega deste ano correrá nesta ocasión a cargo de tres das bandas máis destacadas da escena actual: The Soul Jacket, Transilvanians e Sabela King & The Heartbreakers.
Todas e todos eles secundarán nesta edición a dous grandes do xénero:Tommy Hunt, o mítico vocalista de The Flamingos e unha das lendas vivas da música contemporánea, que acudirá ao Outono Códax como artista convidado para repasar algúns dos grandes éxitos da súa carreira; e a enorme Naomi Shelton, hoxe por hoxe, unha das divas da música negra e peza clave do renacemento da música sureña estadounidense en Nova York. Para honra do festival, a última veterana estrela de Daptone Records, a principal factoría mundial de música negra, aterrará no Outono Códax, acompañada do seu excepcional coro, The Gospel Queens, e da súa incrible banda (entre a que se atopa Fred Thomas, o histórico baixo de James Brown).
A propia Naomi Shelton&The Gospel Queens e os galegos The Lákazans serán os protagonistas do primeiro “ExtraOutono” do festival, a primeira cita ata agora fóra de Galiza e que terá lugar en Xixón (Sala Acapulco) o próximo 2 de outubro.