As músicas atlánticas do Maré volven a Compostela con máis de 30 concertos

O festival Maré regresa con forza a Compostela “para converterse en referencia intercultural e de diálogo entre músicas e outras artes das dúas beiras do Atlántico”. A cita será do 23 ao 26 de setembro, en diferentes espazos da cidade, coa presenza de artistas nacionais, estatais e internacionais. Eis as primeiras confirmacións.
O grupo Timbila Muzimba chega desde Mozambique até o Maré (Foto: Timbila Muzimba).
photo_camera O grupo Timbila Muzimba chega desde Mozambique até o Maré (Foto: Timbila Muzimba).

A música, a arte e as culturas atlánticas teñen unha cita en Compostela da man do Maré, un festival alternativo que se define como acontecemento cultural, artístico, social e profesional, que (re)nace tras a experiencia, de 15 anos, do emblemático Cantos na Maré. Un novo encontro que emerxe con “ese mesmo espírito de sumar e compartir os valores e os talentos dos territorios da fala galego-portuguesa”, convertido agora “nun océano aínda máis amplo onde desembocan ríos e afluentes con novas correntes tan imprescindíbeis como imparábeis”. 

Baixo o lema "warethwa!", ("avante" nunha das linguas locais mozambicanas), o festival, “referencia intercultural e de diálogo entre músicas e outras artes das dúas beiras do Atlántico”, desenvolverase a finais de setembro e estenderase da quinta feira 23 ao domingo 26, cunha programación que se espallará por diversos puntos da cidade, desde o Teatro Principal, Auditorio da Galiza, Parque de Bonaval até outros espazos do patrimonio ou de clubs. 

O festival quere "potenciar a creación feminina e da mocidade, a experimentación, a sostibilidade ambiental, as novas linguaxes artísticas e a diversidade", adiantan para Nós Diario. 

Durante catro días, o Maré reunirá artistas de máis de 10 países en máis de 30 concertos, con dúas estreas mundiais e oito na Galiza, "dentro do rico e variado elenco desta iniciativa cultural pioneira e a súa singular aposta cultural, social e económica que quere potenciar a creación feminina e da mocidade, a experimentación, a sostibilidade ambiental, as novas linguaxes artísticas e a diversidade", adiantan para Nós Diario

Artistas confirmadas 

Catalunya conta cunha boa representación nesta edición do Maré. Subirán ao escenario Maria Arnal i Marcel Bagés, que veñen de estrear o seu novo álbum, Clamor, unha aproximación delicada desde a actualidade á memoria histórica e á música de raíz. Tamén estarán Ferran Palau, músico catalán de pop, e o xa mítico Albert Pla

Por outra banda, o camiño que une a lusofonía e o festival arrancará no Brasil da man de Japa System, percusionista de BaianaSystem, quen acaba de gravar o seu primeiro álbum en solitario, Sistema percussivo integrado, onde mergulla na mestura de sons orgánicos e sintéticos; a cantora, compositora e multiinstrumentista Bia Ferreira, que emerxe do feminismo negro; mais a beatmaker, DJ e percusionista paraibana Luana Flores, quen lanzou recentemente o sinxelo “Reza” ao carón de Jéssica Caitano, que tamén estará no palco do Maré. A programación lusófona continúa en Portugal, coas actuacións de Luiz Caracol, cunha proposta artística que bebe da multiculturalidade lusófona, e da cantora Mira, Marta Miranda

Desde Mozambique chegará Timbila Muzimba, 23 kilos de percusión, unha banda que sorprende pola súa diversidade

Desde Mozambique chegará Timbila Muzimba, 23 kilos de percusión, unha banda que sorprende pola súa diversidade rítmica, mentres que Jon Luz e Maria Alice aterran na Galiza desde Cabo Verde cunha mensaxe cargada de esperanza e resiliencia.

Coa América Latina como cerna, subirán ao palco do Maré Nación Ekeko, cun set de música electroandina desde a Arxentina, e Elkin Robinson, de Colombia, cunha aposta nos ritmos afro.

Representando a Galiza estarán Verto, nunha das últimas oportunidades de escoitalos coa forza do directo antes do “parón” que adiantaron facer no remate do verán; os aires rockeiros dos Familia Caamagno; o grupo Maleducadas; mais os ritmos tradicionais nas mans de Davide Salvado

Un adianto 

Para achegarse á música das e dos artistas que participan nesta nova edición do festival Maré, desde a organización teñen a disposición do público unha playlist en Spotify, baixo o título “maré-músicas e artes atlánticas 2021”, onde se poden escoitar. 

O festival Maré é “un proxecto artístico que, avogando pola inclusión social, o feminismo e a sostibilidade ambiental, quere festexar que vivimos nun mundo cheo de talento compartido”. Os primeiros 100 abonos, “reducidos”, para asistir ao festival acaban de saír á venda cun prezo de 50 euros.

Comentarios