Volve o Frionorostro Festival con Xurxo Souto como pregoeiro

A Asociación Cultural, Gastronómica e Desportiva “O Submarino” de Miño celebra esta fin de semana, os días 13 e 14 de Agosto, a segunda edición do seu particular festival, co apoio de máis de 40 locais colaboradores e veciños de todo Miño.

frio
photo_camera Extracto do cartel do Festival

As actividades comezarán o sábado 13 de agosto ás 21 horas, co pregón do festival, a cargo de Xurxo Souto, escritor e cantante dos Diplomáticos de Montealto, entre outras moitas cousas. Logo os asistentes poderán gozar da música do grupo local “The Artificieros”, arredor das 22 horas. 

O “guiso dos pobres”

Ademais servirase un prato local, non degustado por moitos dos seus veciños desde hai anos, o chamado “guiso dos pobres”, antiga receita mariñeira da localidade, da que se ofrecerán varias versión particulares, elaborada por veciños e cociñeiros locais.

Domingo, o día grande

A xornada máis completa será domingo 14 de agosto, con actividades desde as 9 da mañá, coa alborada interpretada por músicos da Asociación “O Castro”, tamén de Miño.  Ao longo de todo o día, auténticos artesáns e profesionais de oficios tradicionais, ofrecerán obradoiros e mostras interactivas. Ás 11:30 horas, iniciarase un obradoiro de monicreques por parte de “Viravolta Títeres”, coa representación da obra “Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón”, apta para todos os públicos, e logo haberá outro taller de xogos tradicionais.

Arredor das 12 horas, noutro espazo da Rúa Real, o grupo de música e baile “Ferreiriños” interpretará pezas de música tradicional, con baile e introdución ao mesmo dos asistentes da rúa que se queiran incorporar. Na “hora da fame”, os hostaleiros e os socios de “O Submarino” ofrecerán un “Xantar na Rúa”, con pratos, bebidas a prezos populares.  Ás 17horas, o dúo “Blues do País” coa Diva Rural e Bluesmanciño presentarán o seu novo traballo discográfico. Tras esta actuación, e como novidade, este ano representarase unha obra teatral sorpresa.

Xa ás 19 horas, o grupo pontés “Os Feroces da Galgueira” levará a música tradicional a toda a rúa. Como derradeira actuación prevista do Frionorostro Féstival 2016, a banda “Festicultores” presentarannos a súa música de xeito desenchufado e sen escenario fixo, como é característico desta formación.

Actividades culturais participativas

“O Submarino” volve un ano máis, pola petición dos veciños do pobo, segundo a organización, “ao ataque coa súa filosofía de organizar actividades culturais participativas, accesibles e que inclúan a tódolos públicos, potenciando a cultura da Galiza e facilitando espazos de comunicación co público a artistas, artesáns e intelectuais, comezando polos propios veciños de Miño, e sen deixar  á marxe a ninguén”. O festival comeza xa días antes coa decoración da rúa de xeito distinto, en colaboración con socios e veciños da rúa, con motivos mariñeiros coma redes, velas, bandeiras navais e outras pezas deste tipo.

Comentarios