Volve o Festival Sinsal á illa de San Simón

Galardoado como Mellor Festival de Formato Pequeno de España nos Premios Fest, celébrase os días 22, 23 e 24 de xullo de 2016.

SinsalSonEG2015
photo_camera Owen Pallett no Sinsal 2015

O Festival Sinsal Son Estrella Galicia volve á  illa de San Simón (Redondela) en 2016.  Galardoado como “Mellor Festival de Formato Pequeno” na última edición dos Premios Fest, celébrase os días 22, 23 e 24 de xullo. A música habita a illa durante tres xornadas compoñendo un cartel que foi secreto para o público nas últimas edicións. Un modelo de festival que atrapou a artistas e público desde o seu inicio e que en 2016 presentará novidades relacionadas coa gastronomía, transporte e acceso do público menor de 16 anos.

O Sinsal celébrase nunha illa, a de San Simón, no corazón das Rías Baixas e nun enclave único pola súa riqueza natural. O público chega á illa nos barcos fletados pola organización nunha viaxe de aproximadamente media hora que se converte na primeira das experiencias do festival. O aforo limitado nun espazo a disfrutar e respectar como é a illa de San Simón fai deste festival un evento moi afastado do concepto de aglomeración. Un festival diúrno e moi familiar, tanto pola proximidade de músicos e organización co público como polo feito de promover a participación da audiencia máis noviña da casa.

En anteriores edicións o Sinsal levou artistas como Alt-J, L´Enfance Rouge, Hoquets, Jacco Gardner, Mdou Moctar, Chelsea Wolfe, Baden Baden, Owen Pallett, Wire e All We Are, entre outros. Na súa filosofía, compoñer un cartel procedente de diferentes continentes con músicos que definen os sons de hoxe e que, non en poucas ocasións, encabezan a curto prazo os festivais máis prestixiosos de Europa, sendo San Simón un talismán para eles.

Comentarios