Volve o festival europeo da canción en linguas minoritarias, agora desde o Friul

A 'Eurovisión' das linguas minoritarias deixa de organizarse desde Frisia e é recuperado en Friul co nome de Suns Europe. As bandas galegas poden candidatarse até o 1 de outubro. 

MAFIA GALEGA LIET
photo_camera Mafia Galega no Liet [Imaxe: O Varal]

O Liet International, o primeiro festival da canción en linguas minoritarias de Europa, comezou a andar en 2002 en Frisia (Holanda) e rematou a súa andaina o pasado 2014 cun evento en Oldenburg (Alemaña). Ao longo destes doce anos, por alí pasaron diferentes formacións galegas, como Uxía, Fran Pérez 'Narf', ou Mafia Galega.

O formato era similar ao eurovisivo, aínda que os recursos eran ben máis escasos: as bandas enviaban as súas cancións e un xurado elixía as mellores que os grupos habían defender na gala final. Acolleron este festival, ademais do país organizador, Asturias, Friul, Laponia, Bretaña e Alemaña. 

As bandas poden presentar as súas candidaturas até o 1 de outubro

Porén, os problemas na organización fixeron que o Liet International deixase de existir e emerxese un novo festival baixo a mesma filosofía e argallado por friulanos, ladinos e sardos a partir dun festival local. Chámase Suns Europe e vaise realizar en Udine (Friul) o 11 de decembro. 

Suns Europe defínese como o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias e acollerá diversas actividades do 25 de novembro ao 11 de decembro deste ano, entre a que destaca este concurso de canción moderna. Está aberto a todas as minorías lingüísticas tal e como se definen na Carta Europea de Linguas Minoritarias. 

As bandas poden presentar as súas candidaturas até o 1 de outubro. Só aceptan temas orixinais cantados. A organización seleccionará de 6 a 8 finalistas, que serán convidados a defender a súa canción no Friul. O artista ou banda gañadora recibirá un premio de 2.000 euros e un mínimo de dous contratos en festivais europeos.

Comentarios