Volve a Feira Medieval de Monforte de Lemos após dous anos cancelada pola pandemia

Durante a fin de semana, toda a vila de Monforte de Lemos volcarase para sacar adiante un encontro que supón un importante pulo económico para todos os sectores do Concello.
Imaxe da edición do 2019. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da edición do 2019. (Foto: Nós Diario)

A Feira Medieval de Monforte de Lemos, unha das máis importantes que decorre na Galiza, volverá ter lugar na fin de semana de Semana Santa após dous anos cancelada pola pandemia.

O alcalde de Monforte, José Tomé, presentou hai xa máis dun mes a  primeira programación dos vindeiros 16 e 17 de abril. Días nos que até 103 postos de artesanía e gastronomía local, participarán do encontro medieval.

Coa recuperación da Feira Medieval de Monforte de Lemos no seu formato habitual antes de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) decretase a emerxencia sanitaria mundial, terá lugar un dos festexos máis multitudinarios nos últimos meses.

Durante a fin de semana, toda a vila de Monforte de Lemos volcarase para sacar adiante un encontro que supón un importante pulo económico para todos os sectores do Concello.

Programación

Os tradicionais postos de artesanía da feira medieval estarán abertos tanto o 16 como o 17 de abril, de 10 a 21 horas.Tamén os dous días haberá varias actuacións musicais.

Ademais, as persoas que asistan ao encontro poderán desfrutar de diferentes obradoiros, exposicións e mostras, nas que se abordarán todo tipo de aspectos relacionados coa vida cotiá no medievo.

A maiores, a Asociación de Hostalaría de Monforte de Lemos anunciou que varios estabelecementos do concello repartirán "menus medievais" durante o transcurso da fin de semana.

Comentarios