Volve Do Audible para ouvidos contemporáneos

A segunda feira, día 7, regresa unha nova edición, a cuarta, deste ciclo de creación musical contemporánea que tamén explora diálogos con outras artes. Por exemplo, a sesión inaugural está dedicada ás mulleres, e Vertixe Sonora Ensemble interpretará pezas de cinco compositoras actuais, coa intervención da poeta María do Cebreiro. 

doaudible
photo_camera Imaxe dunha edición anterior de Do Audible

Do Audible chega á súa cuarta edición co obxectivo de abrir novos horizontes na creación musical contemporánea. A través de formatos singulares para a experiencia musical e coa complicidade de diferentes entidades internacionais, o ciclo percorrerá do vindeiro 7 de xuño ao 4 de outubro as cidades de Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra, cunha programación protagonizada por Vertixe Sonora Ensemble que pon o foco no dinamismo da creación contemporánea.

Apertura feminina

Co título “Coma espellos dun calidoscopio”, a sesión inaugural reflexiona sobre o papel da muller na música e especialmente na creación contemporánea enmárcase nunha liña de investigación aberta coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Trátase dunha iniciativa pioneira que conta co comisariado de Elena Rykova, compositora residente en Harvard, que seleccionou pezas de cinco compositoras actuais: Anna Romashkova (Rusia), Ann Cleare (Irlanda) Elo Masing (Estonia), Tania Lanfer (Brasil) e Daniela Fantechi (Italia). A apertura do ciclo contará coa intervención da poeta María do Cebreiro e levarase a cabo o vindeiro 7 de xuño na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro do campus de Ourense.

O ciclo continúa o 22 de xuño no Espacio Sirvent en Vigo co programa “Sete derradeiras comidas”, conducido pola agrupación convidada deste ano, a suíza UMS’n JIP, un dos conxuntos de música contemporánea máis activos e experimentados da escena internacional, que destaca pola súa indagación na voz humana. Este segundo programa do ciclo rolda o mundo da ópera cunha visión que bota man de medios acústicos, electrónicos e dixitais.

Estrea mundial

A seguinte cita do ciclo será o 21 de setembro no Museo de Arte Contemporánea da Coruña coa sesión “Microteatro psicopático”. As posibilidades de reinventar a ópera e o teatro revélanse nesta proposta baixo a dirección dun nome singular do teatro español como é Carlos Álvarez-Ossorio, cun espectáculo en estrea absoluta no que actor e músicos están ao mesmo nivel en escena. A sesión tamén contará co compositor, pianista e artista interdisciplinario Óscar Carmona.

Remover tanto o concepto de espazo como o de espectáculo convencional está no cerne de “Turbulencias ou a idea de espazo”, a proposta que pechará o ciclo o 4 de outubro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Este último programa, que desenvolve dous discursos paralelos, filosofía e música, e, con diferentes obras para instrumentos de vento –da autoría de Edgar Varèse, Richard Barrett, Gerald Eckert e Luc Döbereiner–, aborda o concepto do espazo na composición.

Todas as sesións de Do Audible son ás 20:30 horas e de acceso gratuíto, até completar a capacidade. Os concertos corren a cargo de Vertixe Sonora Ensemble, unha formación integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galiza e de Portugal, que conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza.

Comentarios