Volve un Culturgal protagonizado por Sondeseu, Budiño e María Fumaça

Volve o Nadal e con el, o seu preludio no que a cultura galega se refire: o Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, que nesta ocasión  celebra a súa novena edición os días 2, 3 e 4 de decembro. 

culturgal2
photo_camera Presentación da programación esta mañá

A organización de Culturgal fixo pública hoxe a programación, que incluirá máis de 120 actividades, tanto profesionais como para o público xeral, a través das que se buscará dar conta do dinamismo deste sector en Galiza, así como dos novos xeitos de traballo en comunidade en diferentes ámbitos artísticos.

‘Cultura, comunidade, futuro’ é o lema de Culturgal 2016, que congregará 99 empresas e entidades expositoras no seu recinto feiral. Arredor del desenvolverase a meirande parte das actividades programadas nos chamados espazos Foro, Libro, Infantil, Carpa e Cine. O Auditorio do Pazo da Cultura acollerá, así mesmo, tres espectáculos especiais protagonizados por SonDeSeu (sexta feira 2, 21.30 h), Budiño (sábado 3, 21.30 h) e María Fumaça (domingo 4, 12.00 h).

Ademais, no terreo da música, poderemos ver novos proxectos como Gelria, Berlai ou Os Amigos dos Músicos, ademais de Xoán Curiel, Blues do País, Ezetaerre, Sindicato da Noite, Zurrumalla e moitos máis. 

A programación para as crianzas é -coma sempre- un dos pratos fortes deste evento. Ademais de María Fumaça estará Pablo Díaz, Títeres Alakrán e Vaioviravai, entre moitos outros. 

O eido da literatura segue a ser un eixo fundamental. Haberá conversas e presentacións de libros con autoras como Inma López Silva, Xosé Monteagudo, Carlos Meixide, María do Cebreiro, Ledicia Costas ou Antón Riveiro Coello, entre outros. 

Encontros profesionais

Ademais dos concertos e das presentacións de libros, filmes e outros produtos culturais, abertos ao público xeral e cun apartado específico para a oferta infantil, Culturgal conta tamén cunha oferta profesional como escenario para o debate, o diálogo e a procura de acordos. Así, na sexta feira Escena Galega organiza un encontro sobre as redes públicas de artes escénicas, mentres que a Agapi convoca para ese mesmo día unha xornada baixo o título ‘A que modelo de televisión pública aspiramos’.

En Culturgal 2016 haberá tamén lugar para a arte contemporánea a través da exposición ‘Pegadas na terra’, na que 18 artistas galegos amosan diferentes vías de se achegar á natureza. Paula Cabaleiro e Antón Sobral son os comisarios desta mostra que agrupa escultura, instalación, fotografía, vídeo, pintura e debuxo.