Volve convocarse o certame 'Curtas para Rosalía'

A AS-PG vén de convocar a sétima edición do certame 'Curtas para Rosalía', que está aberto até maio do vindeiro ano. 

curtas-rosalia2
photo_camera Imaxe da entrega de premios da edición deste ano.

Nesta edición, alén de obras audiovisuais relacionadas coa poeta padronesa, a organización acepta tamén outras temáticas que exploren "calquera texto de calquera época da Literatura Galega ou da súa tradición oral", segundo rezan as bases destes galardóns. 

Poderá optar a estes premios, organizados en colaboración co Concello da Coruña, calquera curta que fose estreada entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 10 de maio de 2017, e que non sobrepase os 30 minutos de duración. 

Nesta ocasión hai dúas categorías: Mellor Curta da VII edición e Mellor Curta VII edición de Centros de Ensino. A dotación económica de ambas as dúas categorías é de 1.000 euros para o primeiro premio e de 500 para o segundo.